O PP acusa ao BNG dezao de ter unha “dobre vara de medir” por esixir as súas “receitas máxicas” á Xunta, Deputación e alcaldes “sen ser capaz de ordear a súa casa cunha grave crise interna”

Mércores, 25 de febreiro de 2026.-

O PP da comarca do Deza vén de acusar ao BNG de ter unha “dobre vara de medir” por estar constantemente esixindo as súas “receitas máxicas” e facendo propostas extemporáneas moi alonxadas do que precisan os cidadáns á Xunta, a Deputación e aos alcaldes e gobernos locais, cando vén de quedar demostrado, coa dimisión de Ariadna Fernández como concelleira, que “nin sequera son capaces de ordear a súa propia casa dunha grave crise interna”.

Os populares cren que antes de reclamar planificación e medidas “co seu habitual ton e complexo de superioridade” os nacionalistas da comarca terán que dar exemplo ofrecendo un proxecto común que se preocupe polos veciños: “Resulta que pretenden dar leccións do que teñen que facer as distintas administracións cando acábase de descubrir que hai dous BNG na comarca, que un defende unhas cousas e outro outras distintas, e que o máis lles preocupa é se manda máis Paco Vilariño ou Ariadna Fernández na súa lea de egos e ciumes”.

Polo tanto, o PP comarcal reclámalle aos nacionalistas que teñan “máis humildade” e que deixen de esixir “unha xestión que eles mesmos son incapaces de facer internamente e que, desde logo, está moi lonxe da que poden ofrecer as administracións gobernadas polo PP”.

Para os populares do Deza, a grave crise interna do BNG da comarca ten a súa orixe na loita polo protagonismo, o poder e os ciumes entre Vilariño e Fernández, pero tamén ten un foco importante no apoio e a boa relación da deputada lalinense co voceiro de UxR e ex nacionalista, Alberte Lamazares, “ao que o voceiro do Bloque de Lalín e político nacionalista de máis peso na bisbarra considera un traidor desde que o deixou colgado sen candidatura do BNG en Rodeiro ás portas das eleccións municipais de 2019 -para liderar unha proposta independente-, cando xa non había marxe nin prazo para artellar unha lista nese municipio e que tamén impedíu a concorrencia do Bloque en 2023, sendo o único municipio da provincia ao que deixaron abandonado”.

Neste senso, indicaron que esta forte lea interna explica ben ás claras porque a parlamentaria galega “se refuxiaba constantemente” nos municipios de Rodeiro e Agolada, “posto que en Lalín o seu grupo, tanto institucional como en orgánico, totalmente controlados por Vilariño, facíanlle o baleiro”.

Finalmente, o PP da bisbarra salienta que esta situación, coa marcha de Ariadna Fernández da corporación sen avisar aos seus propios compañeiros, fai que “cobre todo o sentido” a recente visita a modo de xira da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, ao Deza, xa que semellaba que viña a traballar a prol dos veciños “e resulta que agora descubrimos que viña a tentar poñer panos quentes, xa vemos que sen éxito, no enfrontamento entre as dúas almas do Bloque”.