O PP acusa ao alcalde de “cinismo extremo” por arrogarse o desbloqueo da EDAR de Tragove cando só se reanudará grazas á Lei do Litoral que el calificou de inconstitucional
Cambados, 6 de outubro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de acusar ao alcalde, Samuel Lago”, de “cinismo extremo” por arrogarse o desbloqueo das obras de mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Tragove e soster que vai ser posible pola súa insistencia cando non fixo nin unha soa xestión ante a Consellería de Medio Ambiente, que é quen realiza os traballos, e porque a reanudación vai ser posible grazas á Lei do Litoral de Galicia, impulsada polo PP e que el calificou de inconstitucional.
O PP cambadés achacou este intento do rexedor de darse autobombo á súa “absoluta desesperación” pola actual situación crítica e de grave crise política e institucional que padece o Concello e calificárono de “caradura político”, xa que a obra foi freada polos seus compañeiros socialistas do Goberno de España e agora vai poder reactivarse porque a Xunta fíxose coa xestión da costa, avalada polo Tribunal Constitucional malia a oposición do PSOE e do propio Samuel Lago.
“O alcalde, no pleno celebrado en febreiro de 2024, desprezou unha moción do PP na que defendíamos o dereito de Galicia a xestionar o seu litoral, unha cuestión da máxima importancia socioeconómica en Cambados, e púxose do lado do argumentario do PSOE dicindo que era inconstitucional, así que agora hai que ter un morro supino para dicir que a EDAR de Tragove vaise reanudar grazas a el”, manifestou a voceira, Sabela Fole.
Neste senso, a concelleira popular sinalou que o Ministerio de Transición Ecolóxica denegou o permiso para rematar as obras da depuradora malia que contaba cun informe do Servizo Provincial de Costas e agora poderán reactivarse porque a Xunta xestiona o litoral desde o pasado 1 de xullo grazas á citada lei e está a realizar os trámites para a renudación destes traballo.
Ademais, desde o PP recalcaron que a Xunta tiña planificada e deseñada desde hai tempo a mellora e ampliación desta EDAR dentro so seu programa de investimentos e a súa execución só responde a un compromiso e a unha actuación prevista polo Goberno galego que unicamente se veu truncada polos atrancos impostos desde o Goberno central, “polo que, en ningún caso, e máis por parte dun alcalde que se opuxo á Lei do Litoral, pode atribuirse a reanudación da obra”.
Finalmente, os populares lembráronlle a Samuel Lago que a prestación do saneamento, abastecemento e depuración son responsabilidade e competencias de carácter municipal, polo que, en vez apuntarse méritos que non ten, debía agradecer a colaboración económica da Xunta por investir varios millóns de euros en Cambados nesta materia.