O PP acusa a Xoán Castaño de converter a Catoira nun “inferno fiscal” para adherirse ao plan estatal de pago a provedores “pola súa xestión ineficaz e aumento das débedas”
Catoira, 21 de maio de 2025
O grupo municipal do PP de Catoira vén de acusar ao alcalde, Xoán Castaño, de converter ao concello nun “inferno fiscal” para os veciños pola súa intención de adherirse ao plan estatal de pago a provedores, “ao que ten recurrir pola súa xestión ineficaz, xa que os números vermellos son aínda superiores aos de Alberto García, e polo aumento das débedas e das facturas pendentes”.
Deste xeito, a voceira popular, Estefanía Frieiro, lamenta a alternativa que propón o goberno nacionalista e que se debaterá nun pleno extraordinario fixado para mañá. A mesma pasa pola inclusión de Catoira no plan de pago a provedores do Goberno de España e a aprobación da formalización dun préstamo ao abeiro do Fondo de Financiamento para as Entidades Locais por importe de 543.753 euros.
“Todos estamos de acordo en que os provedores teñen que cobrar, pero a esta situación tan dramática das arcas municipais nos levou, primeiro, o goberno socialista e posteriormente, con dous anos nefastos, o do BNG. Pero é que ademais estamos en desacordo coa solución que propón o alcalde, que pasa por desentenderse do problema económico, como se el non tivera nada que ver, e cargarlle toda a situación ao peto dos veciños consolidando unha gran suba fiscal, que é a condición que pon o Estado para o préstamo cunha modificación do anterior plan de axuste, cando nos cremos que había que apostar por unha maior contención de gasto”, sinalou a concelleira do PP, que exemplificou a situación sinalando que a suba de impostos ascende a 250.000 euros anuais e a contención aplicada polo BNg quedouse en só 29.000 euros.
Ademais, desde o PP de Catoira recalcaron que a contía que se pide, de pouco máis de medio millón de euros, era “asumible” con doses de xestión e contención que o Bloque non aplica, polo que lamentou que prefira consolidar de xeito permanente a suba xeralizada de impostos de máis do 20% aprobada en outubro de 2023 “e que é especialmente gravosa no caso do IBI, xa que temos un tipo impositivo do 0,60, que é dos máis altos da provincia e que é excesivo entre os concellos de menor poboación”.
Estefanía Frieiro tamén criticou duramente as manifestacións do alcalde sinalando que a concesión do préstamo estatal para rematar con estas débedas ten condicións moi vantaxosas para o Concello: “As condicións serán moi boas para que siga dilapidando cartos desde a súa cadeira, pero son moi prexudiciais para os veciños, aos que esquece por completo e lles confirma un sablazo fiscal para cargarlles por completo os pufos do BNG”.
Finalmente, replicou que a situación económica do Concello de Catoira “non mellorou en nada” nestes dous anos de mandato e incluso empeorou en moitos parámetros oficiais, manténdose como un dos seis concellos peor xestionados a provincia e que ten que ser rescatado polo Estado porque non é quen de pagar as súas débedas e facturas pendentes.
Así, indicou que en xuño de 2023, cando se producíu o cambio de alcalde, o executivo socialista deixou 874.000 euros sen pagar e un Período Medio de Pago a Provedores (PMP) de 80,05 días, segundo os datos oficiais do Ministerio de Hacienda, mentres que ao peche de 2024, xa con ano e medio de Castaño na Alcaldía, a cifra de impagos medrou ata os 1.176.000 euros e o PMP disparouse ata os 216,75 días. “Non só non é quen de solucionar o problema, senón que o está a empeorar, polo que recurre á saída fácil para pagar as súas facturas, que pasa porque adiante o diñeiro o Estado e paguen os catoirenses cunha suba desmesurada de impostos”, lamentou a voceira popular.