O PP acusa a Rivas de “irresponsabilidade” coas vítimas da violencia machista por falar de novos servizos cando aplicou recurtes e desatende as solicitudes da policía

Redondela, 3 de decembro de 2025

O grupo municipal do PP de Redondela vén de acusar á alcaldesa, Digna Rivas, de “irresponsabilidade e falta de compromiso” coas vítimas da violencia machista por falar da posta en marcha de novos servizos nesta materia, co gallo da Mesa de Coordinación para a Mellora da Atención á Vítimas de Violencia de Xénero celebrada onte, cando está a aplicar recurtes nesta materia por non executar todos os fondos asignados do Plan VioXén e desatender de xeito constante as solicitudes dos corpos e forzas de seguridade para reforzar o coidado e protección das mulleres.

“É inadmisible que, con trinta casos enriba da mesa, os corpos de seguridade estean a solicitarlle con insistencia ao goberno local máis recursos para protexer ás vítimas da violencia machista en Redondela e o executivo de Digna Rivas, malia ter asignados fondos para iso ao abeiro do Plan VioXén, non lles faga ningún caso e aínda por riba se poña a presumir de que vai poñer en marcha plans pioneiros”, aseverou o voceiro municipal, Javier Bas, que cre que o encontro celebrado onte só tiña como obxectivo “tentar lavar a súa imaxe e facer que fai” tras o rexeitamento ás propostas do PP nesta materia no pleno do pasado xoves.

Neste punto, o PP redondelán lembrou que, nesa sesión, saíu adiante unha moción súa malia o voto en contra de Digna Rivas e dos concelleiros socialistas na que demandaba a execución de todos os fondos do Plan VioXén para non desaproveitar nin un só euro na protección das vítimas e se poidan evitar os recurtes do goberno local, priorizando as necesidades urxentes de protección das vítimas, incluíndo recursos habitacionais de emerxencia para momentos de intervención, e tamén a adopción das medidas reclamadas polos corpos e forzas de seguridade.

As propostas do PP inclúen a transparencia na xestión destes fondos, a creación dun espazo seguro para menores cando a nai teña que declarar en sede xudicial ou a posta en marcha e mantemento de recursos específicos para desprazamentos seguros das vítimas cando teñan que acudir ao xulgado, o centro médico, o CIM ou outras dependencias oficiais e que o transporte habilitado dispoña de cadeiras homologadas para os seus fillos.

“O do goberno de Redondela coa violencia machista é PSOE en estado puro: nin unha mala palabra e nin unha boa acción. E despois diso, para tapar as súas vergoñas, arranca coa campaña publicitaria tras votar en contra de medidas de protección imprescindibles para protexer ás vítimas que, dada a súa actitude no pleno, non pensa poñer en marcha malia que foron aprobadas pola corporación”, concluíu o concelleiro popular.