O PP acusa a Digna Rivas de “poñer en risco aos veciños” por negarse a crear o servizo anti-incendios incumprindo dúas sentencias e a dotar axeitadamente as emerxencias
Redondela, 22 de setembro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de acusar á alcaldesa, Digna Rivas, de “poñer gravemente en risco aos veciños” por negarse a crear o correspondente Servizo de Prevención e Extinción de Incendios incumprindo ademais unha sentencia firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e por dotar axeitadamente de medios e persoal a atención das emerxencias, quedando a expensas da colaboración doutros concellos.
“O coidado, a protección e a seguridade dos veciños de Redondela e dos seus bens atópanse nunha situación incomprensible de total abandono por parte da alcaldesa, que, cos seus feitos, demostra que as emerxencias non lle preocupan o máis mínimo. Pasa absolutamente de todo, só lle importa aquilo no que poida sacar unha foto, pero mentres tanto todos os redondeláns estamos totalmente vendidos e abandonados á nosa sorte”, lamentou o voceiro municipal, Javier Bas.
Neste senso, os populares lembraron que o Tribunal de Instancia número 1 do Contencioso-Administrativo de Vigo ditaminou que o Concello de Redondela tiña a obriga de crear un servizo anti-incendios por ser unha obriga e a súa competencia por ter máis de 20.000 habitantes e dita sentencia foi confirmada recentemente pola Sala 1ª do Contencioso do TSXG, pero, malia estes fallos, a rexedora está a desobedecer ambas resolucións “nunha deixación de funcións intolerable”.
Ante esta situación, o PP redondelán lamentou, en primeiro lugar, a resistencia e o abandono dos veciños por parte das tres forzas de esquerda, xa que recordou que PSOE, BNG e AER votaron en contra “incomprensiblemente” da creación desta brigada no pleno municipal, e, a continuación, criticou que se sigan negando á súa creación malia que é unha obriga legal e xudicial, pero sobre todo “porque esta actitude é totalmente irresponsable cos nosos veciños”.
Ademais, os populares, que revelaron que os fallos xudiciais “non admiten atallos” como o que pretende facer o Concello de Redondela acadando un convenio co parque de Teis que segue sen asinarse, queren esixir que se inicie de inmediato a tramitación para a constitución deste servizo de prevención e extinción “sen máis excusas, mentiras e desatención cos redondeláns”.
Finalmente, desde o PP local engadiron que este “pasotismo” no ámbito da seguridade tamén se extende á atención e cobertura das emerxencias, cun equipo moi reducido e quedando a expensas da colaboración das agrupacións de Mos ou O Porriño “que demostran que hai outra maneira de xestionar, axeitada e pensando na xente”, e á falta de dilixencia para esixir unha Comisaría de Distrito da Policía Nacional e para reforzar o número de axentes da Policía Local.