O PP acusa a Digna Rivas de implantar no Entroido de Verán un modelo mercantilista para recadar cun formato anti-Redondela polos graves prexuízos aos negocios locais

Redondela, 6 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de censurar a xestión do goberno local de Digna Rivas na recente edición do Entroido de Verán, xa que considera que os cambios no formato organizativo estiveron orientados exclusivamente á implantación dun modelo mercantilista para recadar as poxas das barras por parte do Concello e ademais cun formato anti-Redondela, posto que esta situación causou graves prexuízos aos negocios locais en detrimento de empresas de fóra.

Os populares criticaron este novo sistema para a adxudicación e xestión dos postos de bebida e comida, xa que beneficiou claramente, en primeiro lugar, aos locais de hostalería de maior capacidade económica ao teren que facer un investimento para obter esta concesión, deixando de lado aos máis modestos. “Iso debe ser cousa do goberno progresista, o de facer medidas para axuden aos máis ricos”, ironizaron desde o PP local.

Ademais, consideran que esta medida tamén prexudicaba claramente a concesión de postos de comida, tal e como se veu na resolución dos mesmos, xa que as 9 barras de bebida quedaron todas cubertas, mentres que as de alimentación apenas espertaron interese porque é moito máis difícil recuperar o investido e conseguir unha rendibilidade. E concreto, só se cubriron 2 das 6 convocadas para comida.

O PP de Redondela tamén extendeu as súas críticas ao favorecemento deste sistema de poxas ás firmas de hostalería de fóra do Concello e á acaparación por parte das empresas máis potentes, o que motivou que das 11 barras de bebida e comida finalmente adxudicadas, só 5 foron atendidas por negocios de Redondela mentres que unha de Vigo conseguíu a concesión de ata 4 postos.

 

Queixas polo retraso na adxudicación e a limpeza

“Esta novidosa convocatoria foi un auténtico fiasco, xa que provocou que houbera barras desertas, prexudicou aos hostaleiros de Redondela en detrimento de empresas de fóra do noso concello e supuxo un atranco para a posta en funcionamento dos oportunos espazos de comida, polo que lle pedimos ao goberno local que volva ao sistema anterior”, defenden desde o PP, antes de lamentar que “se pode entender que, ante a preocupante situación económica do Concello pola xestión dos socialistas, a alcaldesa optase pola vía recadatoria no Entroido de Verán, pero rexeitamos por completo que o faga a costa dos autónomos e do comercio da nosa vila, que xa están maltratados pola recente e brutal suba da taxa do lixo impulsada polo PSOE”.

Ademais, os populares tamén desvelaron que outra das queixas dos hostaleiros de Redondela, que confirma o errático do formato e da súa xestión, estribo una improvisación e retraso á hora de anunciar as concesións dos postos, xa que tres días antes da festa non estaba resolto e moitos deles renunciaron, posto que non lles daba tempo a mercar os produtos e contratar o persoal en apenas 48 horas.

Finalmente, tamén houbo un forte malestar, tanto entre o sector como no comercio e a veciñanza, pola limpeza posterior ao Entroido de Verán, xa que non se fixo a fondo e tardou máis que en edicións anteriores, e iso sen contar que aínda hoxe en día, case dúas semanas despois, a Alameda aínda presenta moitos cristais co conseguinte risco para os seus usuarios, principalmente cativos e mascotas.