O PP acusa a Digna Rivas de “castigar ata o infinito” a Chapela por non xestionar a Avenida de Vigo coa Xunta e as obras da AP-9 co Goberno e por esquecer o pavillón e a gardería
Redondela, 19 de febreiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de acusar á alcaldesa, Digna Rivas, de “castigar ata o infinito” á localidade de Chapela coa súa xestión, falta de investimentos e de traballo para conseguir o que lle corresponde procedente doutras administracións e responsabilizaron á rexedora pola súa incapacidade de xestión para conseguir a mellora da Avenida de Vigo coa Xunta de Galicia e as pertinentes obras de reposición polas afeccións da autoestrada AP-9 co Goberno de España e con Audasa.
Así mesmo, lembraron que outras cuestións que dependen directamente do goberno local, como a necesaria construción dun novo pavillón ou da escola infantil, levan máis de seis anos totalmente esquecidas polo executivo socialista e nunca serán unha realidade co actual goberno local.
Os populares, a través dos seus concelleiros de Chapela Miguel Álvarez, Cristina Blanco e Julio Mougán, consideran que a alcaldesa está a “rirse dos veciños e a botar balóns fóra” coas súas recentes actuacións negándose a recepcionar as obras de reposición pola ampliación da AP-9 polos coñecidos e reiterados incumprimentos das mesmas e por esixir, só a través dos medios de comunicación e sen empregar os cauces oficiais, a mellora da Avenida de Vigo ao Goberno galego.
“Fala destes temas como se non fóra con ela e non fora a súa responsabilidade a xestión dos mesmos, que ademais dependen de administracións de distintas cores políticas, polo que, no fondo, o que hai é unha demostrada incapacidade de xestión de negociación e un intento por lavar a súa imaxe cara Chapela tras tela abandonada todo o mandato”, sinalaron os edís.
Neste senso, os tres representantes do PP pertencentes a Chapela lamentaron que “o maltrato e a discriminación” de Digna Rivas cunha localidade de 8.000 habitantes sexan a “triste constante” do seu executivo durante os seis anos e medio que leva gobernando e que se ten agravado especialmente no presente mandato. Así, indicaron que os urxentes proxectos para un novo pavillón ou a escola infantil “nin están nin se lles espera” e que hai moitas outras cuestións pendentes, como o funcionamento axeitado cunha apertura regular da dependencia municipal de atención aos veciños para que non teñan que desprazarse a Redondela, as moitas obras comprometidas sen executar, como o acceso ao CEIP Igrexa ou o Camiño da Traída, que incluso obrigou a manifestarse aos veciños e, xa nun sentido retórico, as xestións que realizou para a mellora da N-552 ao seu paso pola vila.
Por iso, Álvarez, Blanco e Mougán reclamáronlle á alcaldesa un cambio de actitude inmediata para que cese na súa política de “abandono absoluto e falta de solucións e de investimentos” para Chapela, aínda que amosaron a súa máxima desconfianza polo “desprezo” co que Digna Rivas leva tratando á localidade durante todo o seu período de goberno.