O PP abre un proceso de escoita activa con toda a sociedade de Redondela para reforzar o seu programa co obxectivo de potenciar o concello tras dous mandatos de parálise
Redondela, 11 de novembro de 2025.-
O PP de Redondela vén de abrir un proceso de escoita activa que se extenderá a toda a sociedade e que ten como obxectivo reforzar o programa electoral de cara ás eleccións municipais de 2027 para poder potenciar o concello e recuperar o tempo perdido tras dous mandatos de absoluta parálise da man do goberno socialista de Digna Rivas.
“Temos moi claro o noso proxecto e estamos plenamente convencidos de que as nosas iniciativas e a nosa xestión son as que precisa a Redondela do futuro e máis tras seis anos e medio, que será oito ao final do mandato, de total estancamento e deterioro do que é o cuarto concello da provincia de Pontevedra, pero sempre é bo ir introducindo matices e axustes escoitando aos cidadáns e estando moi atentos aos cambios sociais, polo que imos poñer en marcha esta nova xeira de contactos”, explicou o voceiro municipal, Javier Bas.
Os populares redondeláns, encabezados polo propio Bas, a secretaria xeral, Susana Cabaleiro, e o voceiro parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, arrancaron estes encontros na súa sede cos militantes da agrupación local, que valoraron o traballo do grupo municipal e achegaron unha serie de ideas que enriquecerán o proxecto político. Estas reunións proseguirán durante as próximas semanas con distintos colectivos e representantes de sectores socioeconómicos e dos veciños “para que o noso programa sexa o máis ambicioso e máis apegado ás necesidades da xente nun momento no que Redondela precisa recuperar a ilusión a través duns investimentos, servizos e dinamismo dos que agora carece”.
“Sempre temos un contacto moi directo coa cidadanía, que sabe que sempre estamos á súa absoluta disposición para escoitalos, entendelos e atendelos no marco da nosa política de total proximidade coa xente, pero esta maneira de actuar imos incrementala nesta época porque nos atopamos nun momento decisivo para o futuro cando restan 558 días para as eleccións municipais”, apostillou Bas.