O PP abandona o pleno polo “abuso de poder ditatorial” da alcaldesa ao vetar unha moción popular e permitir o debate das súas malia os informes xurídicos contrarios

Redondela, 31 de xaneiro de 2025
Os dez concelleiros do grupo municipal do PP de Redondela abandonaron a sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro celebrada onte á noite ante o “abuso de poder ditatorial e as arbitrariedades” da alcaldesa, Digna Rivas, desde a presidencia da corporación, posto que vetou o tratamento dunha moción popular, baseándose para elo nun informe xurídico da Secretaría, pero permitindo paralelamente o debate das súas malia ter o mesmo criterio contrario por parte deste departamento municipal.
O PP explicou que a rexedora, para impedir o debate dunha proposta súa sobre o funcionamento e tratamento respectuoso nos plenos, solicitou un informe á Secretaría que sinala que aquelas mocións que excedan as competencias municipais non deben debaterse nin poden votarse, deixando aberta a posibilidade de convertelas en rogos. “Cada vez ten un medo máis atroz a falar de propostas que, malia a ser políticas, teñen moita incidencia na vida dos redondeláns e por iso buscou esta vía malia que ata agora había un consenso xeralizado para que no pleno se falase libremente de todos estes asuntos”, explicou o edil Iván Crespo.
Sen embargo, o PP extendeu esta solicitude de informe xurídico a todas as mocións que se ían abordar no pleno de onte e no mesmo detállase que a moción de PSOE e AER para declarar persoa non grata e pedir a dimisión do deputado popular José Luis Ferro polas súas declaracións sobre a Illa de San Simón “non se corresponde con competencias municipais e os acordos sobre a mesma non son válidos”.
“Cremos que as declaracións do deputado Ferro son moi desafortunadas, pero estábamos en contra da súa reprobación porque xa deu explicacións, dixo que se lle malinterpretara e incluso pedíu desculpas, pero ese non é o fondo da cuestión, senón que a alcaldesa quere manexar o pleno e o Concello como se foran o seu cortijo e iso non llo imos consentir, porque hai uns dereitos fundamentais e un dereito á participación política que están a ser vulnerados coa gravidade de que somos o partido con máis representación e votos, de longo, no Concello de Redondela”, engadíu o concelleiro popular.
Iván Crespo deixou claro que o PP admite o criterio da Secretaría Municipal sobre as mocións aínda que supoña un cambio de rumbo sobre a actuación levada a cabo ata a data, “pero sempre que se aplique por igual a todos os grupos políticos, porque o que non pode ser é que a alcaldesa se agoche neses informes para non debater co PP e os obvie por completo para levar exclusivamente a súa axenda política e os seus intereses persoais ao pleno, porque o Concello non é dela, é de todos os redondeláns e de todos os que os representamos”.
“A inseguridade manifesta, a incapacidade absoluta e a febleza política de Digna Rivas provocan que actúe dun modo autoritario con flagrantes agravios comparativos e vulneracións á igualdade que son inadmisibles en democracia. Hai que actuar cun criterio igual para todos, porque está incurrindo nunha grave discriminación por cuestións políticas e ideolóxicas e advertímoslle de que estas arbitrariedades poden rematar en impugnacións legais coas súas consecuencias”, rematou o edil do PP.