O pleno de Tui rexeita os orzamentos 2025 presentados polo goberno e o PP lamenta a “soidade e falla de diálogo” dun psoe que “goberna de costas á cidadanía”

Tui, 25 de xuño de 2024

O pleno municipal de Tui vén de rexeitar o proxecto de Orzamentos 2025 presentado polo goberno local cos 11 votos -dun total de 17- de todos os grupos da oposición, polo que o PP tudense lamentou a “soidade e falla de diálogo” do Partido Socialista, que está a reiterar todos os seus erros e o rumbo errático neste segundo ano de mandato “e que goberna, cada vez máis, de costas á cidadanía”.

Os populares manifestan que o rexeitamento do documento económico é un “novo varapau” para o alcalde Enrique Cabaleiro, e tildou de “inadmisible perda de tempo dun executivo feble” que se leven as contas ao seu debate e aprobación plenaria sen falar e negociar absolutamente nada con ningún dos tres grupos da oposición.

“Non sabemos a que xoga o alcalde, que xa fixo o ano pasado o mesmo e tivo que avirse finalmente a negociar para aprobar finalmente os orzamentos en agosto e non telos en vigor ata setembro, co cal son totalmente ineficaces. Pero en todo caso, as contas merecen o noso rexeitamento porque son malas para Tui e porque, como fixeron todos os grupos, non lle imos dar un cheque en branco para, aínda por riba, seguir afondando nunha mala xestión do concello”, advertíu o voceiro municipal, Nico Montes.

O PP tudense lamentou que os orzamentos cheguen moi tarde e se entregaran fóra de prazo, que teñan un excesivo gasto corrente e de persoal -11 dos 12,3 millóns- e que carezan de medidas de aforro e contención, que as partidas estean desequilibradas e mal explicadas, a ausencia dunha planificación real e a aposta pola improvisación, a falta de previsión na contratación e a presenza de incumprimentos normativos advertidos pola Intervención.

Pero en todo caso, e máis alá de cuestión técnicas de suma importancia, Nico Montes engadíu que uns orzamentos que non recollen fondos para solucionar o grave problema do aparcamento, xa que só hai unha partida insuficiente de 54.634 euros que é inferior incluso á de propaganda, e que ten uns investimentos de apenas 448.000 euros que non chegan nin ao 4% do total “son totalmente inservibles para Tui e para o seu futuro”. Ademais, tamén lamentou a cativez de partidas de áreas estratéxicas, como o turismo, o comercio, Protección Civil e prevención de lunes, pavimentación de vías, deportes ou servizos sociais.