O pleno de Redondela reproba á concelleira Iria Vilaboa a instancias do PP pola súa “xestión nefasta e prexudicial” nas áreas de Servizos Sociais, Igualdade e Maiores

Redondela, 31 de outubro de 2025.-

O pleno da corporación de Redondela vén de reprobar, a instancias do grupo municipal do PP, á concelleira socialista Iria Vilaboa pola súa “xestión nefasta e prexudicial” nas áreas de Servizos Sociais, Igualdade e Maiores, que son as que ten delegadas, e tamén extendeu a responsabilidade política desta situación á alcaldesa, Digna Rivas.

A proposta dos populares, presentada baixo o formato de moción, saíu adiante cos votos dos concelleiros populares como grupo maioritario da corporación, a abstención do BNG e o rexeitamento por parte dos integrantes do goberno en minoría conformado polo PSOE e AER.

En concreto, o PP solicitaba a reprobación da concelleira posto que o seu desempeño ao fronte deste departamento, “dunha importancia estratéxica dado que se centra na atención, coidado e protección das persoas máis vulnerables”, está a provocar un deterioro moi grave na atención social e nas demais prestacións e servizos destas áreas, con especial afección sobre as persoas maiores e as mulleres.

De xeito paralelo á reprobación, o pleno tamén acordou instar á alcaldesa a que proceda, tras ser a máxima responsable do nomeamento de Iria Vilaboa, ao seu cese inmediato ao fronte de Servizos Sociais, Igualdade e Maiores “asumindo así a responsabilidade política que lle corresponde ante o fracaso da xestión e a perda de confianza da cidadanía nesta concellería”.

En todo caso, para os populares, que explicaron o declive do servizo a través da concelleira Sandra Bastos, “a situación semella, tristemente, non ter moito remedio, posto que levamos seis anos nos que se está a desmontar a atención e o benestar instalados durante os gobernos de Javier Bas, xa que antes de Iria Vilaboa foi a propia a alcaldesa quen se encargou desta área e tampouco funcionaba, polo que, ou ben non saben xestionalo, ou ben non lles importan os redondeláns con maiores necesidades ou, como sospeitamos, ningunha destas dúas cousas”.

Engano sobre axudas da Xunta e listas de espera

A edil Sandra Bastos recalcou que a reprobación pola xestión de Iria Vilaboa é á totalidade, pero lamentou especialmente o “engano e a mentira”, sostidas pola propia socialista onte en sede plenaria, ao afirmar que as persoas que aceptan o Bono Coidado da Xunta -de 5.000 euros anuais- son retirados da lista de espera. “É algo moi forte, que non se pode consentir, porque precisamente esa achega ten o sentido contrario, está orientada a axudar durante todo este tempo, polo cal a concelleira queda deslexitimada e desautorizada”, apuntou a concelleira popular.

Ademais, explicou que outros dos principais problemas de Servizos Sociais son a falta de atención áxil das persoas con depdencias, a ausencia de atención e asesoramento aos colectivos vulnerables, a destrucción do traballo realizado no Consello da Muller, a perda de subvencións en materia de igualdade, o descoido das necesidades das vítimas de violencia de xénero, a supresión da gratuidade do servizo de conciliación ou o incremento das demoras na atención social, entre outras moitas eivas.