O pleno de Redondela acorda censurar a corrupción do PSOE e da contorna de Pedro Sánchez a instancias do PP

Redondela, 4 de setembro de 2025.-

O pleno da corporación municipal de Redondela acordou, na sesión celebrada onte á noite, a censura dos casos de corrupción que acurralan ao PSOE nacional e á contorna persoal e política do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao saír aprobada por maioría unha moción de condena destes feitos presentada polo PP local.

A proposta dos populares saíu adiante cos 10 votos da formación liderada por Javier Bas e 9 en contra dos concelleiros socialistas e tamén dos edís do BNG e AER, “o que confirma que o partido independente, que tanto fala de pureza, está totalmente entregado e rendido, e tamén demostra que o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, tenta infructuosamente falar dun pacto PP-PSOE que non existe, porque son el e os nacionalistas os que si teñen unha total sintonía co PSOE, que ata os apoian malia estes graves feitos”.

 

Esta proposta do PP, que foi exposta e defendida pola concelleira e deputada provincial, Sandra Bastos, tamén incluía, ademais do rexeitamento aos numerosos casos de corrupción do PSOE, a condena ás acusacións do Goberno de España contra xuíces e xornalista, a depuración de responsabilidades políticas, a solicitude de colaboración activa coas investigación xudiciais e parlamentarias e a petición de disolución das Cortes e a inmediata convocatoria de Eleccións Xerais.

“Ante esta gravísima situación, a peor desde a instauración da democracia en España, non podemos quedar de brazos cruzados, porque ademais do execrable destes feitos, todo este entramado está afectando directamente á gobernabilidade do país, posto que o PSOE está máis preocupado de defenderse e de agochar estes casos que de gobernar España e iso afecta directamente ao noso Concello de Redondela, posto que temos moitas cuestións que dependen do Executivo central e, neste contexto, se atopan totalmente paralizadas co conseguinte prexuízo para todos os veciños”, detallou Bastos.