O pleno da Deputación reproba a xestión do ministro Óscar Puente pola “discriminación” á provincia e solicita a súa dimisión polo “castigo” nos investimentos en infraestruturas

Venres, 27 de febreiro de 2026.-

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe, na sesión ordinaria correspondente ao mes de febreiro, a reprobación da xestión do ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, pola súa “constante e reiterada discriminación” á provincia e a solicitude formal da súa dimisión inmediata polo “castigo e maltrato” nos investimentos en infraestruturas con respecto ao resto das comunidades autónomas de España.

A petición da marcha do responsable estatal, impulsada polo PP, saíu adiante pola maioría absoluta da corporación provincial e o rexeitamente do PSOE, “que incomprensiblemente mirou para outro lado e púxose a camisola do seu partido en vez de defender aos pontevedreses apoiando ao seu compañeiro malia o abandono e o maltrato ao noso territorio”.

“A provincia de Pontevedra quere dicir basta xa a un ministro que o único que está facendo é aillar á nosa provincia por terra, mar e aire. Non se salva nada, nin sequera o ridículo que fixo cando, hai máis de dous anos, na súa única visita a Vigo, chegou cuns Reis Magos a dar bicos aos trens. Estanos metendo nun claro retroceso e ademais non hai perspectivas de solución, polo que é imprescindible ataxar o problemas de raíz coa súa marcha inmediata”, sinalou a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez.

Entre o ronsel de motivacións que amparan a solicitude de dimisión de Óscar Puente aprobada pola corporación provincial figuran, no caso de Vigo, os graves problemas ferroviarios que ata chegaron a incomunicar á cidade máis importante de Galicia, a supresión do AVE por Cerdedo, os retrasos reiterados e inxustificables da Saída Sur cara Portugal que se adia polo menos ata 2038, o non explicado proxecto do túnel cara a autovía A-52 malia ter un suposto orzamento de 400 millóns de euros, o desmantelamento do aeroporto de Peinador ata deixalo só cuns poucos destinos nacionais ou a discriminación co Porto de Vigo, fóra da rede nodal e que recibirá, ata 2029, menos de 200 millóns de euros en investimentos fronte aos máis de 360 da Coruña.

Así mesmo, o PP considera que o ministro é o responsable do continuado bloqueo á transferencia a Galicia e á implantación da gratuidade de peaxes da autoestrada AP-9 mentres noutras comunidades autónomas aproba constantes liberalizacións de taxas e tamén, xa no eido da cidade de Pontevedra, da paralización da reforma do nó de Bombeiros, da falta de solucións aos cada vez maiores anegamentos da PO-11 entre a capital provincial e Marín e dos problemas e rexeitamento social pola construción da autovía A-57.

Finalmente, os populares indicaron tamén que os problemas coas infraestruturas de titularidade estatal esténdense por toda a provincia, con graves problemas ferroviarios, retrasos, avarías ou falta de servizo de trens en Vilagarcía, Pontecesures, Catoira, As Neves, O Porriño ou Tui, entre outros, e polo “pésimo e perigosísimo estado” dos 317,5 quilómetros de estradas nacionais que percorren 28 concellos da provincia.

“As vías nacionais están en condicións terceiromundistas e xeran un claro risco de accidente para os seus usuarios, e aí están os seus terribles datos de sinistralidade, tras oito anos de goberno socialista e un insuficiente investimento en mantemento que se converteu en inexistente con este ministro. Ademais, en materia de estradas sufrimos palmarios incumprimentos de importantes proxectos comprometidos en Ponteareas, Caldas, Cuntis, Forcarei ou Cerdedo-Cotobade, entre outros, polo que, polas vidas e pola seguridade dos pontevedreses temos que pedirlle, con total responsabilidade, que admita a súa incompetencia ou a súa mala fe e que se marche”, concluíu Sánchez.