O P de Tui revela que a reforma da piscina tiña un 100% de achega da Deputación en 2022 sen precisar dun peche no verán e esixe responsabilidades políticas ao alcalde

Tui, 20 de xuño de 2025

O grupo municipal do PP de Tui vén de denunciar a “neglixente xestión” do alcalde, Enrique Cabaleiro, e do goberno socialista no proxecto de reforma das piscinas municipais, que actualmente está en marcha e que van permanecer clausuradas durante todo o verán cos conseguintes prexuízos para os veciños.

Os populares revelaron que ano 2022, co bipartito ao fronte da Deputación, Tui tiña asignados 306.000 euros ao abeiro do Plan Concellos para executar esta actuación, o que supoñía que non tería ningún custe para as arcas municipais e ademais as obras estaban programadas para despois de verán, e dado o seu prazo duns oito meses, podería reabrir antes de xullo de 2023.

Sen embargo, indicaron que o alcalde, malia estar culminado o proceso de contratación, decidiu desbotar esta reforma por aquel entonces e afrontala agora cunha achega insuficiente do Goberno de España de 189.000 euros, xa que o Concello ten que sufragar os 161.000 euros restantes, e cuns prazos de execución moi apretados que obrigan a pechar as piscinas durante o verán.

Por todo elo, desde o PP tudense queren que o rexedor e o goberno socialista dean explicacións pola renuncia do proxecto de hai tres anos e, chegado o caso, que se depuren as responsabilidades políticas “porque se non había outra maneira de facela, pois ata se podería entender, pero dado que houbo unha oportunidade clara non pode ser que, por un capricho, esteamos todo o verán sen as piscinas”.

“Estamos ante unha xestión absolutamente nefasta que non pode quedar sen consecuencias, porque hai tres anos, e ademais con coincidencia de cor política na Deputación, renunciaron a facer unha obra que non tiña custe para Tui e que non afectaba ao funcionamento da piscina”, advertíu o voceiro municipal, Nico Montes, que lamentou que neste momento “estamos ao inicio da tempada alta, coa instalación pechada a cal e canto en plenas obras e con importantes perdas para comerciantes e hostaleiros ademais de prexuízos para os veciños, que terán que ir a outros concellos para disfrutar do seu tempo de esparcemento e lecer”.