O Grupo Provincial do PP na Deputación de Pontevedra solicita ao Goberno que resolva xa a convocatoria de axudas aos concellos para reparar os danos causados polos temporais do pasado inverno
Pontevedra, 25 de xuño de 2026.-
O Grupo Provincial do PP na Deputación de Pontevedra solicita ao Ministerio de Política Territorial do Goberno de España que resolva xa as presolicitudes dos 23 concellos da provincia para que podan recibir as achegas estatais destinadas ao arranxo dos desperfectos dos pasados temporais e que formalice canto antes esta convocatoria de axudas co obxectivo de que se beneficien destes fondos públicos.
A provincia de Pontevedra padeceu nos meses de decembro e xaneiro, numerosos trens de borrascas que provocaron numerosos danos en infraestruturas, equipamentos e bens de titularidade municipal que motivaron a declaración da nosa comunidade como Zona Afectada Gravemente por Emerxencias de Protección Civil (ZAGPEC) por parte do Consello de Ministros na súa reunión do pasado 29 de decembro, polo cal o Ministerio abriu no mes de marzo unha convocatoria de axudas para os concellos orientada a sufragar a reparación destes desperfectos.
Ao abeiro desta convocatoria, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, anunciou o pasado 18 de marzo que se recibiran 331 presolicitudes procedentes de 23 concellos da provincia de Pontevedra e que as mesmas serían analizadas polo ministerio para que, as que cumprisen cos requisitos, cumprimentasen formalmente a súa solicitude en réxime de concorrencia non competitiva. Jorge Cubela indicou que desde o PP Provincial “temos que censurar que, tres meses despois do anuncio de Abel Losada, o Ministerio de Política Territorial aínda non se teña dirixido aos 23 concellos solicitantes nin, por suposto, resolvera esta liña de achegas”.
O voceiro do PP na Deputación de Pontevedra, lamentou que os 23 concellos afectados da provincia estean agardando desde hai tres meses por estas axudas. “Queremos denunciar a hipocrisía do propio subdelegado do Goberno cando, nas súas manifestacións sobre as presolicitudes recibidas, lamentou que a Deputación de Pontevedra descartara artellar ningunha liña nesta materia cando, como se puido comprobar polos feitos, tamén faltou á verdade, xa que no caso da Deputación habilitou unha liña de subvencións por importe de 8 millóns de euros a prol dos 59 concellos menores de 50.000 habitantes –non duns poucos– que xa se están comezando a pagar ás entidades locais”, explicou Jorge Cubela.
“O Plan Vía Depo presentado polo presidente provincial, Luis López, está a pleno rendemento, permitindo que as obras de reparación dos temporais se acometan no actual momento de boa climatoloxía, mentres que das supostas axudas do Goberno de España nada se sabe desde o pasado 18 de marzo, un prazo que consideramos excesivo tendo en conta que moitas das reparacións son urxentes e revelador das verdadeiras intencións do executivo socialista de non axudar, unha vez máis, aos concellos da nosa provincia”, lamentou o voceiro popular.
Ante esta situación de incerteza, falta de información e moitas dúbidas por parte do Ministerio, “dende o PP Provincial temos claro que esta tardanza confirma as sospeitas de que, non vai haber nin un só euro para os concellos destinados ás reparacións dos temporais e que esta convocatoria pertence máis á habitual política de falsa propaganda do Goberno de Pedro Sánchez cara ás administracións locais, cuxo maior exemplo na provincia foi cando o propio Abel Losada acudiu ao Concello da Lama a anunciar a concesión dunha axuda para o Reto Demográfico cando era mentira.”
En concreto, os concellos que están á espera de novas por parte do Ministerio de Política Territorial, e cuxas presolicitudes suman 16 millóns de euros, son A Caniza (491.000€), A Guarda (98.000€), A Illa de Arousa (852.000€), Agolada (669.000€), Cambados (22.000€), O Campo Lameiro (109.000€), Cerdedo Cotobade (413.000€), Crecente (300.000), Cuntis (770.000€), Forcarei (182.000€), Marín (187.000€), Moaña (219.000€), O Grove (2,1 M€), O Rosal (156.000€), Poio (324.000€), Pontevedra (4 M€), Rodeiro (2,7 M€), Salceda de Caselas (88.000€), Sanxenxo (1,2 M€), Silleda (632.000€), Tomiño (75.000€), Vilaboa (35.000€) e Vilanova de Arousa (375.000€).