O Grupo provincial do PP esixe ao Goberno de España que se comprometa xa coa inmediata construción da liña de alta velocidade Vigo-Porto para a súa posta en funcionamento no ano 2030
Pontevedra, 23 de decembro de 2024.
Os deputados provinciais do PP de Pontevedra veñen de rexistrar unha moción solicitando ao Goberno de España que se comprometa coa inmediata construción da liña de Alta Velocidade Ferroviaria Vigo-Porto para que sexa unha realidade no ano 2030.
O Grupo Provincial do PP de Pontevedra está especialmente comprometido coa demanda da tan necesaria liña de Alta Velocidade, e xa por iso no pasado mes de setembro presentou na corporación provincial unha moción que respaldaba a Proposición non de Lei relativa ao impulso deste percorrido presentada no Congreso dos Deputados e asinada por todos os representantes galegos na Cámara Alta.
Polo que, no vindeiro Pleno da Deputación, os deputados populares van reclamar ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, que se comprometa publicamente coa construción desta liña, tal e como se acordou nos Cumios Ibéricos entre os anos 2013 e 2023, ademais de esixir ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que concrete unha programación completa de obras, orzamentos e prazos para o seu desenvolvemento e que se garanta garanta a conexión entre as dúas cidades no ano 2030.
Ademais, a postura do Grupo Provincial do PP de Pontevedra, defendida en todas as institucións e ante todas as administracións ten como obxectivo que a cidade de Vigo e a provincia teñan as infraestruturas ferroviarias que merecen. Esta postura estendeuse ao acto cívico organizado pola Xunta de Galicia en Vigo o pasado 4 de decembro baixo a denominación Queremos AVE Vigo-Porto: a Eurorrexión non pode perder o tren do progreso, no que a participou o presidente da Deputación, Luis López e outros membros do goberno provincial, xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como axentes e representantes sociais, económicos, sindicais ou empresariais de Galicia e do norte de Portugal.
“Sen embargo, e malia todas as accións que se están a desenvolver desde Galicia e desde a provincia de Pontevedra, dende o PP seguimos a detectar unha firme resistencia por parte do Goberno de España, e do ministro Óscar Puente, a establecer, fixar e comprometerse cos prazos, os orzamentos e os fitos necesarios para que esta liña ferroviaria se active de inmediato e poida ser unha realidade, para a súa posta en funcionamento, no ano 2030, que era o compromiso inicial sobre a mesma”, lamentaron os populares.
Cómpre lembrar que, hai xa máis de dez anos tanto os representantes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como despois os sucesivos Cumios Ibéricos, recoñeceron a prioridade da conexión Vigo-Porto-Lisboa, que mesmo foi reiterada como fundamental no Cumio Ibérico de Lanzarote do ano 2023. Sen embargo, na cita deste ano celebrada na cidade portuguesa de Faro, o presidente español, Pedro Sánchez, priorizou a conexión ferroviaria rápida Madrid-Lisboa, xirando na política establecida ata o momento e malia que o seu homólogo portugués apostaba pola conexión con Galicia e poñía sobre a mesa a adxudicación do primeiro treito ata Aveiro por 1.600 millóns de euros