O Grupo provincial do PP esixe ao Goberno de España novas alternativas ao trazado proposto para a autovía A-52, pola grave afección que provoca aos concellos de Vigo e Mos

Pontevedra, 29 de xaneiro de 2025.
Os deputados provinciais do PP de Pontevedra veñen de rexistrar unha moción solicitando ao Goberno de España que, con carácter urxente, propoña novas alternativas ao trazado proposto para a autovía A-52, pola grave afección que provoca aos concellos de Vigo e Mos, ademáis de solicitar tamén a inmediata liberalización da peaxe do tramo Porriño-Puxeiros da AP-9 que transcurre alternativamente á autovía A-55.
O Grupo Provincial do PP de Pontevedra presentou esta moción polo grave impacto que o novo trazado proposto polo Goberno central para autovía A-52 provoca no territorio da provincia, e sen que houbera información previa a todos os concellos afectados.
O pasado día 18 de decembro de 2024 o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible anunciaba no Boletín Oficial do Estado (BOE) que sometía a información pública o documento técnico e estudo de impacto ambiental do proxecto do novo trazado da autovía A-52 (Rías Baixas).
Dende o PP provincial indícase que non hai dúbida sobre a necesidade de darlle solución á perigosidade da autovía A-55 dada a súa alta siniestralidade. Pero esta solución, se se quere que sexa inmediata, pasa pola liberalización do tramo Porriño-Puxeiros da autopista AP-9.
A alternativa que require a ampliación da A-52 ata Vigo coa execución dun túnel, precisa que o trazado proposto sexa analizado con todos os concellos afectados, minimizando no posible o impacto que vai ter sobre o territorio e sobre os seus habitantes.
A alternativa que o Goberno de España entende como a máis recomendable conleva un altísimo impacto, desde o punto de vista territorial, especialmente respecto da proposta recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Mos e Vigo, ademais do corte de vías municipais estruturantes e múltiples afeccións a viadutos e augas. Ademais dun alto custe económico de execución, preto dos 400 millóns de euros.
“Non é razoable o modo de proceder do Goberno, dado que é evidente que, pese ao forte impacto no seu territorio, fixo partícipe ao concello de Vigo da definición da alternativa proposta pero non tivo ningún tipo de comunicación previa a este trámite cos demais concellos afectados, nomeadamente Mos, que adaptou o seu Plan Xeral ao trazado marcado polo Ministerio de Fomento no ano 2015”, indicaron os populares.
A A-52, tamén denominada autovía das “Rías Baixas”, é unha infraestrutura que une Castela-León con Galicia conectando Zamora, Ourense e Pontevedra coa autovía A-6. O tramo obxecto do estudo amplía o trazado ata Vigo desde a parte final deste itinerario, que actualmente finaliza no municipio do Porriño, na conexión coa autovía A-55.
OS deputados populares esixen tamén ao Goberno de España a inmediata apertura dun período de interlocución, institucional e técnica, con todos os concellos afectados para definir a actuación de modo que sexa respectuosa co territorio, socialmente viable e supoña unha infraestrutura axeitada e segura para a mobilidade da zona.