O Grupo Municipal Popular de O Porriño presenta unha moción en defensa do Estado de Dereito e contra a corrupción que rodea a Pedro Sánchez

O Porriño, 25 de xuño de 2025.-

O Grupo Municipal Popular de O Porriño, liderado polo alcalde Alejandro Lorenzo, presentou unha moción que será debatida no próximo Pleno da Corporación, que terá lugar o vindeiro luns 30 de xuño, na que manifesta a súa profunda preocupación pola grave situación institucional e pola sucesión de casos de presunta corrupción que afectan directamente á contorna persoal e política do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.

A iniciativa, impulsada polo voceiro do grupo municipal, baséase no progresivo deterioro institucional e nas investigacións xudiciais abertas contra persoas próximas a Sánchez, incluíndo a súa esposa e o seu irmán, así como altos cargos do PSOE e a Fiscal Xeral do Estado. O texto denuncia tamén os constantes ataques por parte de membros do Executivo e dos seus socios á independencia xudicial e aos medios de comunicación.

O Grupo Popular alerta dunha crise de confianza sen precedentes nas institucións e acusa ao presidente do Goberno de reter o poder a pesar de admitir, nas súas propias palabras, que a cidadanía non o apoia maioritariamente.

A moción contén unha proposta de acordo con cinco puntos principais:
1. Rexeitamento expreso á corrupción no PSOE e na contorna de Pedro Sánchez.
2. Condena ás acusacións do Goberno contra a Xustiza e os xornalistas.
3. Esixencia de depuración de responsabilidades políticas.
4. Petición de colaboración activa coas investigacións xudiciais e parlamentarias.
5. Solicitude de disolución das Cortes e convocatoria urxente de eleccións xerais.

O Grupo Popular do Porriño afirma que non pode permanecer calado ante unha situación que cualifica de “vergoñenta e sen precedentes” e fai un chamamento á defensa firme da legalidade, da transparencia e da confianza cidadá nas institucións democráticas.