O Consello de Contas sitúa ao concello de Cangas no posto 277 en gasto social por habitante
O Consello de Contas de Galicia publicou recentemente un informe no que analiza as contas das entidades locais da comunidade do exercicio 2023 no que sitúa a vila no posto 277 en gasto social por habitante dun total de 313 municipios no que ocupa o posto 17 por poboación. Así, o documento sitúa por diante a outros municipios da comarca do Morrazo como Moaña, que destina 87,02 euros por habitante, ou Bueu con 84,14 euros por habitante, ambos por enriba do 73,41 euros de Cangas.
“Unha vez máis queda patente que unha cousa é predicar e outra dar trigo” reflexionan desde o Partido Popular de Cangas. “Temos que volver a lamentar que o noso concello volve a estar á cola respecto aos municipios da contorna a pesar de contar co maior orzamento dos tres” continúan. “O tripartito presume de políticas sociais pero os feitos deixan en evidencia que todo é propaganda” engaden.
A formación sinala que o informe pon negro sobre branco que “non existe un compromiso real e orzamentario” no desenvolvemento de medidas de apoio aos colectivos máis vulnerables. “Non é que o diga o PP, senón que o di unha institución independente en base ás contas reportadas polo propio equipo de goberno” resaltan. Unha falta de xestión que exemplifican coa precaria situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aínda sen licitar despois de máis dun ano co contrato anterior vencido e unha licitación deserta, xa que ningunha empresa amosou interese pola mesma, o que está a xerar moita incerteza entre as persoas usuarias e traballadoras.
“Unha cuestión da que non rende contas a concelleira responsable do departamento e, por riba, aínda temos que escoitar á concelleira de Facenda, a nacionalista Xiana Abal, de que ‘está cansa de falar deste tema’” critican. “Non queren falar dun servizo básico, competencia municipal, pero nós seguiremos insistindo por respecto ás persoas usuarias, ás súas familias e as persoas traballadoras” anuncian.
O grupo maioritario da Corporación recorda tamén o retraso para poñer en marcha as vivendas municipais de emerxencia social. “Levoulles máis de ano e medio presentar e aprobar unha ordenanza para regular o seu uso. Tempo no que estes inmobles estiveron baleiros e sen uso despois de investir 70.000 euros na súa rehabilitación”. Unha mala xestión á que engaden a constante perda de subvencións autonómicas, varias con claros fines sociais, e que no que vai de mandato superan os 500.000 euros. “Para que se faga unha idea a veciñanza de Cangas, é 10 veces o que destina o Concello aos comedores escolares”.
Sen subvención
O goberno que lidera a nacionalista Araceli Gestido volveu a quedar fóra das axudas autonómicas para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Así, a solicitude presentada polo Concello de Cangas foi a única que non alcanzou a puntuación mínima requerida, perdendo unha achega que podía alcanzar os 25.000 euros.
O tripartito non presentou ningunha solicitude á liña de axudas da Xunta enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil nin para a realización de programas de estadías formativas en entidades e empresas vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, destinados ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027. “Non hai vontade de cambiar esta situación por parte do actual equipo de goberno” lamentan os populares.
“Non pode sorprender a ninguén esta situación cun concelleiro de Mocidade e Voluntariado desaparecido en combate” manifestan os populares, que recordan as queixas do alumnado do IES María Soliño polas súas reiteradas ausencias no Consello Escolar do centro. Unha situación á que fan responsable á alcaldesa “que o mantén no cargo pese a todo”. Con todo, “nós seguiremos denunciando esta mala xestión” anuncian, “que priva á veciñanza de Cangas de maiores recursos para o desenvolvemento de acción e medidas que van en beneficio do pobo” rematan.