O Congreso Local do PP da Estrada elixe ao alcalde Gonzalo Louzao como presidente e abre “unha nova era” para afrontar a segunda transformación do concello
Domingo, 19 de outubro de 2025.-
O 11º Congreso Local do PP da Estrada elixiu ao alcalde, Gonzalo Louzao, como novo presidente da agrupación local por aclamación dos 600 militantes asistentes e abriu “unha nova era” para afrontar a segunda transformación do concello tras a modernización acometida polo ex rexedor e actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, durante os últimos quince anos.
O cónclave local, que contou coa presenza de máis de 800 persoas incluíndo tamén aos convidados e que se celebrou este mediodía no anexo do pavillón municipal Coto Ferreiro, tivo unha dobre vertente, xa que serviu para despedir e agradecer sentidamente a López o seu “enorme traballo” no partido e no municipio e tamén para emprender “un tempo novo con ilusión, ambición e optimismo” con Gonzalo Louzao ao fronte.
Tras a súa proclamación como novo presidente do PP local, o tamén alcalde expresou o seu máximo agradecemento polo apoio aos presidentes autonómico e provincial, Alfonso Rueda e Luis López, ao partido en todos os ámbitos, á militancia e aos simpatizantes e colaboradores da Estrada, aos compañeiros do goberno local e ao seu predecesor no Concello e na agrupación, José López, ante o que se comprometeu “a continuar co incrible legado destes 15 anos, o que supón unha enorme responsabilidade porque o nivel quedou moi alto, para reforzar e impulsar A Estrada das oportunidades” co horizonte da metade de século.
Louzao, que desgranou o seu proxecto centrado na continuidade da modernización da vila e nunha aposta récord para os servizos e infraestruturas do rural nos próximos anos, detallou tamén a importancia fundamental para o futuro de tres investimentos cos que se está a traballar da man da Xunta, que son a autovía a Santiago, a posta a disposición de máis solo empresarial e a creación de vivenda. “Todo o que se atendeu ben nestes anos imos mantelo e reforzalo, pero nesta Estrada das oportunidades e do futuro que hoxe xurde desde o PP local vai ter unha especial importancia o rural, a vivenda e a mocidade”, proclamou o novo presidente local.
Finalmente, o alcalde deixou claro que as políticas activas que tanto benefician aos estradenses e permitiron o crecemento da Estrada ao longo destes anos só poden desenvolverse desde o goberno local, pero advertiu da importancia fundamental da estrutura orgánica: “O Concello é todo, pero sen o partido non temos nada. O partido é o que nutre de xente, de proxectos e de ideas a nosa acción de goberno e ademais é o que nos sustenta nos momentos difíciles, que sempre os hai. E por iso este congreso local ten unha importancia fundamental non só para o PP, senón para A Estrada e os nosos máis de 20.000 veciños”.
Pola súa banda, o presidente saínte e actual conselleiro, José López, tamén interviu para facer balance do seu período e para dar a súa perspectiva sobre o futuro, sinalando que o PP local, ao igual que o Concello desde abril de 2024, “queda nas mellores mans” con Gonzalo Louzao ao fronte e tamén quixo agradecer a xenerosidade, responsabilidade e seriedade de todo o partido da Estrada “para facer un relevo exemplar e garantir o mellor futuro para a agrupación local e para o Concello”.