O Comité Organizador do 7º Congreso do PP de Ponteareas proclama como válida a candidatura da alcaldesa Nava Castro como única aspirante á presidencia local
Mércores, 15 de outubro de 2025.-
O Comité Organizador do Congreso (COC) do PP de Pontareas vén de proclamar como válida a candidatura de Nava Castro Domínguez, actual alcaldesa do municipio, como única aspirante á presidencia do partido no 7º cónclave local da formación, fixado para o domingo 2 de novembro.
O equipo rector do proceso congresual –presidido por Juan Carlos Ojea e do que tamén forman parte os concelleiros Silvia Fernández e Francisco Represas, e Rafael Martínez– recibíu a documentación esixida de mans da propia Nava Castro e, tras o seu exame nunha reunión mantida na sede do partido en Ponteareas, determinou, segundo a acta de proclamación, “que reúne os requisitos previstos sobre antigüidade de militancia, pago de cotas e demais obrigas estatutarias e que presentou os avais requeridos”, que eran un mínimo de 60 en base ao recollido no regulamento deste proceso.
Deste xeito, Nava Castro pasa a ser oficialmente candidata á presidencia do PP de Ponteareas e poderá comezar, tras o ditaminado polo COC, unha campaña electoral interna de presentación do seu proxecto e de contacto coa militancia que se prolongará durante dez días entre mañá, xoves 16, e o sábado 25 do presente mes de outubro.
Posteriormente, a xa candidata a suceder nesta responsabilidade orgánica á ex voceira municipal, Belén Villar, que dirixíu o partido durante os últimos sete anos, deberá presentar formalmente aos demais integrantes da futura xunta local do PP de Ponteareas, conformada por unha vintena de persoas e que tamén terá que ser validada e proclamada polo comité organizador antes da celebración do congreso.