O Comité Organizador do 14º Congreso do PP de Vigo proclama como válida a candidatura de Luisa Sánchez á presidencia do partido

Mércores, 5 de febreiro de 2025

O Comité Organizador do Congreso (COC) do PP de Vigo vén de proclamar como válida a candidatura de Luisa Sánchez Méndez, vicepresidenta da Deputación e concelleira do grupo municipal na cidade, á presidencia do partido no 14º cónclave local da formación, fixado para o sábado 22 de febreiro.

O equipo rector do proceso congresual reuniuse esta mañá na sede da rúa Príncipe para examinar toda a documentación presentada onte á tarde pola única candidata e determinou, segundo a acta de proclamación, “que reúne os requisitos previstos sobre antigüidade de militancia, pago de cotas e demais obrigas estatutarias e que presentou os avais requeridos”, que eran un mínimo de 50 en base ao recollido no regulamento deste proceso.

Deste xeito, Luisa Sánchez pasa a ser oficialmente candidata á presidencia do PP de Vigo e poderá comezar, tras o ditaminado esta mañá polo COC, unha campaña electoral interna de presentación do seu proxecto e de contacto coa militancia que se prolongará desde esta medianoite ata o próximo 15 de febreiro.

Posteriormente, e con data límite do 17 de febreiro, a xa candidata deberá presentar aos demais integrantes da xunta local do PP de Vigo, conformada por unha vintena de persoas, que tamén terán que ser validados e proclamados polo comité organizador antes da celebración do congreso.