O BNG APLICA UN “TAXAZO” Á VECIÑANZA E DUPLICA O RECIBO DO LIXO POLA NULA XESTIÓN CO “PEOR SERVIZO EN DÉCADAS”
Cangas, 11 de setembro do 2025.
Xa é oficial a vontade da Mancomunidade do Morrazo, presidida pola nacionalista e alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, de incrementar no 100% o recibo de recollida do lixo. Desde o Partido Popular de Cangas levan meses denunciando as intencións do goberno local de levar adiante esta proposta co pretexto de non ter actualizado esta taxa en moitos anos. “É de chiste. Pretenden duplicar o recibo cando temos o peor servizo en décadas, con recorrentes queixas da veciñanza, tanto do caso urbano como do rural” reflexionan. Os populares, que xa presentaron unha moción este ano por este tema, reiteran, “non imos a ser cómplices deste roubo á veciñanza”.
“Resulta que, en máis dunha década non se deron conta da necesidade imperiosa de subir a taxa e pretenden que agora a veciñanza pague o prezo pola súa nula xestión do servizo”. “Onde está a municipalización do servizo 7 anos despois do remate do contrato coa empresa que presta o servizo?” cuestionan. “Son tres alcaldes do BNG e son incapaces de poñerse de acordo entre eles” declaran. “O único que fixeron é encargar informe tras informe cos cartos da veciñanza sen saber moi ben para qué”. “Que fixeron nestes anos por facer máis eficiente o servizo e aforrar cartos á veciñanza?” continúan. “A resposta é nada porque non quixeron investir en todo este tempo. Non foi unha prioridade como acontece con tantas cousas” critican.
“Agora temos un parque móbil moi deteriorado, contedores insuficientes, rotos e en mal estado que non se limpan coa frecuencia debida, un punto limpo que recibe centos de queixas porque non atenda a demanda… en definitiva, un servizo que non responde para nada ás necesidades actuais”. “Unha realidade que coñece dabondo a veciñanza, que a sofre todos os días, non a inventa este grupo municipal”. “Este sablazo á veciñanza, un dos maiores da provincia, é o resultado do caos ao que teñen sometido este servizo. Non poden botar balóns fóra cando levan máis dunha década ao fronte da Mancomunidade«.
O nacionalistas alegan que esta medida é unha obriga legal pola Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular. A norma establece unha taxa de reciclaxe dos residuos do 55% este ano e a Mancomunidade, segundo os últimos datos feitos públicos, só recicla o 20%. “É dicir, a súa preocupación pola aplicación da normativa estatal só é no referido a facturar” ironizan os populares. “Que fixeron para mellorar estes números?” cuestionan. “Unha vez máis, nada” Insisten. “Unhas cifras que adiantan o pouco alcance que van ter as bonificacións por reciclaxe, ás cales non poñen cifras” continúan. “Son cantos de serea para tapar un taxazo moi difícil de xustificar”.
A estas críticas suman a utilización desigual dos recursos da Mancomunidade. “Cangas por tamaño é poboación é o municipio que máis aporta economicamente sen embargo isto non ten o seu reflexo no reparto de material como os contedores” denuncian. Nesta liña recordan que cando Bueu xa tiña os novos contedores, “en Cangas tívose que esperar meses para atopar algún pola rúa”. Tamén acusan á actual alcaldesa de Cangas, que exerce na actualidade de presidenta da Mancomunidade, de sacrificar frecuencias na recollida de lixo en Cangas “para atender a demanda dos seus compañeiros de partido de Bueu e Moaña e reforzar a recollida de restos vexetais nestes concellos” afirman. “Xa non pedimos que barra para casa pero tampouco que prexudique aínda máis ao noso concello» rematan.
Sogama
Desde a formación sinalan que os nacionalistas queren utilizar o canon de Sogama como causa do problema cando é a consecuencia das decisións unilaterais do Goberno central, “que apoian en Madrid e socios no Goberno local” puntualizan que supuxeron un sobrecusto no último ano e medio de 39€/Tm na xestión dos residuos. “A causa foi a creación dun novo imposto estatal sobre vertido e valorización, a orde ministerial que elimina a retribución que recibía pola planta termoeléctrica de Cerceda e outro imposto estatal de produción de enerxía”.
“Esta medida, por moito que insistan, non se sustenta no cumprimento da directiva europea de residuos pois non obriga a establecer taxas de lixo específicas. De feito, hai 18 estados membros que non están a aplicar os impostos ao vertido e valorización, ben porque entenden que non responden aos obxectivos previstos ben porque solicitaron moratorias” explican. “O problema é o afán impositivo e recadador do Goberno central do PSOE co apoio do BNG” denuncian.
Pola contra, a Xunta aporta a través do Fondo de Cooperación Local 12 euros por tonelada e adicionalmente asumirá ata o 60% do incremento previsto cunha tarifa bonificada sempre e cando os concellos cumpran unha serie de requisitos. “Unhas medidas que atoparon atrancos e ameazas por parte do Goberno central, responsable deste incremento” critican. “Disto nada fala a alcaldesa” engaden. Con todo, destacan que Sogama continúa sendo o modelo máis económico de Galicia, ao que se acollen voluntariamente 295 concellos, respecto a outras plantas como a de Nostián ou a de os concellos da Mancomunidade da Serra do Barbanza, a máis cara da comunidade.