← Novas

O PP anuncia que Fátima Pereira será a candidata á Alcaldía de Ponte Caldelas nas eleccións municipais de 2027

2 min

O PP vén de anunciar que Fátima Pereira será a candidata á Alcaldía de Ponte Caldelas nas eleccións municipais de 2027 nun acto celebrado esta mesma mañá na localidade coa presenza desta muller de 49 anos, do presidente provincial do PP, Luis López, a secretaria xeral Luisa Piñeiro e do actual voceiro municipal, Antón Xil, así como outros membros da executiva local.

Fátima Pereira, que concorreu no número 6 da candidatura municipal do PP nas eleccións de 2023, naceu na parroquia caldelá da Ínsua e na actualidade é veciña do lugar de Baltar, en Xustáns. Traballadora no parque empresarial da Reigosa, é unha muller moi comprometida coa defensa do territorio e coas necesidades de Ponte Caldelas e conta cunha gran presenza e actividade social. Así mesmo, é afeccionada ao mundo do cabalo, con gran tradición no municipio, e ao deporte.

A xa candidata do PP de Ponte Caldelas –a quinta en ser anunciada en toda a provincia de Pontevedra– toma deste xeito o testemuño de Antón Xil, ao que agradeceu a súa confianza e o seu legado e tamén salientou, neste acto de anuncio, a “xenerosidade e confianza” dos militantes do PP de Ponte Caldelas, aos que garantiu “un traballo sen descanso á altura da responsabilidade que se me asigna” para liderar este proxecto de renovación “co que aspiramos a un cambio necesario”.

Fátima Pereira cre necesario que Ponte Caldelas “volva á senda do sentidiño, os investimentos e o aproveitamento das oportunidades”, xa que apostillou que o goberno socialista de Andrés Díaz “arrinconou ao Concello, xa que se atopa enfrontado con todo o mundo, ata coa totalidade do seu propio partido, o que provoca unha sensación de absoluta soidade que non nos permite avanzar, posto que, no mundo actual, é máis necesaria que nunca a cooperación e a colaboración, pero agora, por decisión do alcalde, nos atopamos sen apoios, nin aliados para ofrecerlles aos veciños o que se merecen”.

UN NOVO TEMPO EN ESPAÑA E PONTE CALDELAS

Pola súa banda, Luis López amosouse convencido de que o PP de Ponte Caldelas “tomou a decisión correcta”, xa que destacou que Fátima Pereira “ten as características que a fan unha grandísima candidata, posto que combina firmeza, ideas claras, arroxo e implicación co seu concello, pero tamén unha actitude prudente”.

Ademais, tamén salientou o seu “compromiso, responsabilidade e valentía” por asumir neste momento o liderado do partido e puxo en valor a xenerosidade na transición de todo o PP caldelán e a unidade amosada pola militancia en todas as circunstancias.

Por último, solicitou a confianza da inmensa maioría dos veciños de Ponte Caldelas o próximo 29 de novembro para rematar co “ciclo negro” de Pedro Sánchez e iniciar unha nova etapa ilusionante con Alberto Núñez Feijóo, “xa que se abrimos un novo tempo en España tamén se pode abrir en Ponte Caldelas”.

Novas