Comesaña trasládalle ao sector do mar as propostas do PP de activación de medidas económicas para recuperar competividade tras a falta de apoio do Goberno de Sánchez

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, mantivo hoxe en Vigo senllos encontros cos presidentes de Conxemar, Eloy García, e da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, e trasladoulles as diferentes propostas dun futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que incluirían, entre outras, a activación de medidas orientadas á súa sostenibilidade económica e social, posto que considera que son necesarias para recuperar competitividade tras a “evidente falta de apoio” do Goberno de Sánchez.
O candidato, que estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e polas tamén candidatas Irene Garrido e Rosa Quintana, compartiu plenamente as queixas do sector sobre o prezo do combustible, que medrou un 85 % ao pasar de 0,70 a 1,30 euros o litro “facendo que esta actividade estratéxica sexa case inviable, posto que as axudas do Estado son pírricas e insuficientes”. “Dado que o gasóleo supón o 50 % dos custos totais de explotación dun barco, é moi fácil de entender que o sector precisa de máis apoio”, significou Comesaña, que lamentou o “absoluto desentendemento” do PSOE con este sector tan importante para Vigo e Galicia.
O cabeza de lista ao Congreso tamén lamentou o peche de 87 zonas de pesca no Atlántico para segmentos de flota estratéxicos para Galicia “cun prexuízo incalculable e sen unha mínima defensa dos intereses de España por parte do Goberno” e indicou que, entre as previsións do PP, figura emprender un intento de revisión desta decisión no marco da Unión Europea.
Ademais, tamén reprochou as malas negociacións deste anos das posibilidades de pesca para a frota galega, con recortes automáticos nos TAC e cotas, que penalizan gravemente ao sector, e anunciou que outras propostas para a próxima lexislatura que consideran acaídas para esta actividade pasan polo peche de acordos con terceiros países en condicións de igualdade competitiva e o establecemento de medidas que favorezan a innovación, a sostenibilidade, a formación e a renovación e modernización da frota.
VILLAVERDE APOSTA POR AXUDAS POR CONSUMO REAL
Pola súa banda, a titular de Mar do Goberno galego tamén se fixo eco das necesidades sobre a implantación de axudas enerxéticas eficaces, unha fiscalidade adecuada –que é algo que o PP quere revisar a nivel xeral en toda España e para todos os sectores– e a existencia dunha competencia leal con outros países, así como a adopción de medidas para evitar a desaparición de empresas e buques, principalmente en altura e gran altura, e para favorecer a renovación de buques e o relevo xeracional.
“O prezo do combustible é inviable para o mar e as axudas do Goberno son totalmente insuficientes, posto que non cobren os custos reais, polo que é un tema que está na man do Goberno central e no que propoñemos que haxa axudas por estimación do consumo real”, aseverou Marta Villaverde, que tamén apostou por unha maior defensa do sector do mar en Europa por parte do Executivo. Ademais, puxo en valor o traballo da Consellería de ter sempre a man tendida e habilitar todas as axudas e atender todas as necesidades do sector na lóxica medida das posibilidades da Xunta.


