← Novas

Comesaña solicita o apoio masivo do Morrazo a Feijóo para reverter os oito anos de políticas de Sánchez contra o litoral e de abandono do sector do mar

2 min

O cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, celebrou o seu primeiro acto de campaña en Cangas de Morrazo cun paseo pola vila xunto á voceira municipal, Dolores Hermelo, e o tamén candidato e concelleiro, Pío Millán, e solicitou un apoio masivo do municipio e da bisbarra a Alberto Núñez Feijóo para reverter os oitos anos de políticas de Pedro Sánchez contra a xestión do litoral e de abandono do sector do mar, dúas cuestións que considerou fundamentais para esta contorna costeira da provincia.

“Os socialistas pretenden arrasar a costa e deixala como hai cen anos, tal e como demostraron co seu perdido recurso xudicial contra a Lei do Litoral de Galicia e coa resistencia que están ofrecendo á xestión da Xunta cunha controvertida modificación do regulamento de Costas, porque non entenden que os galegos vivimos co mar e para o mar e somos os que mellor o coidamos, xa que forma parte da nosa maneira de vivir e da nosa identidade”, manifestou o candidato popular, que tamén lamentou o inexistente apoio aos sectores pesqueiro, mariñeiro e marisqueiro por parte dos socialistas e se comprometeu a que, estas dúas cuestións, cambiarán radicalmente cun futuro Goberno do PP.

Comesaña recalcou que os populares deixarán que a Xunta xestione a costa sen atrancos, xa que se trata dunha administración moi responsable que sabe como se fan as cousas, e evitará os riscos sobre vivendas, depuradoras de marisco, empresas acuícolas e todas aquelas actividades que están vencelladas co mar e que desenvolven a súa acción co máximo respecto e coidado ambiental. Ademais, tamén adiantou que o PP incrementará as axudas que precisa o sector do mar para os combustibles, a renovación da frota, a innovación, a formación e a sostenibilidade.

Por outra banda, o cabeza de listo do PP tamén abordou a situación dos impostos lamentando a “asfixia fiscal” do PSOE nestes oito anos, con máis de cen subas neste período e un incremento do 70% da recadación na provincia de Pontevedra, fronte ao que anunciou unha baixada xeralizada de tributos “para que haxa máis diñeiro no peto da xente para que poida chegar a final de mes” e aplicando xestión e eficiencia para unha correcta xestión dos servizos públicos. “No caso da nosa provincia, totalmente esquecida polo PSOE, hai unha sensación xeralizada de que a xente recibe moi pouco do Goberno para o moito que paga”, apostillou.

Finalmente, Comesaña incidiu por esta liña sinalando que o PP suprimirá o Imposto do Valor Engadido (IVE) para os autónomos que facturen menos de 85.000 euros anuais, o que beneficiará a 1.418 profesionais por conta propia da comarca do Morrazo, e garantiu que o PP subirá as pensións todos os anos conforme ao IPC “malia a política mentireira do medo do PSOE, froito da súa desesperación ante as malas expectativas para o 29 de novembro”.

Novas