← Novas

Comesaña reclama medidas redutoras do prezo do gasóleo e dos fertilizantes para aliviar aos produtores e comerciantes e tratar de conter a inflación que sufren os cidadáns

3 min

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, reclamou hoxe, co gallo dunha visita ao mercado do barrio vigués do Calvario, que o Goberno de España aprobe de inmediato un paquete de medidas redutoras dos prezos do gasóleo e dos fertilizantes para aliviar a situación de produtores e comerciantes e, paralelamente, tratar de conter a inflación disparada que sufren os cidadáns.

O número 1 da candidatura popular, que acudiu acompañado da presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, e das tamén candidatas Irene Garrido e Mónica Domínguez, amosou deste xeito o seu apoio aos sectores produtivos e anunciou medidas que pretende implementar un futuro goberno de Alberto Núñez Feijóo: “Os produtores, de maior ou menor tamaño, e os comerciantes están obrigados a subir os prezos polos custes que sufren sen que o Executivo de Pedro Sánchez faga absolutamente nada. Isto merma o seu marxe de beneficio, xa que teñen que facer a suba o máis moderada posible para non espantar aos consumidores, pero estes notan día a día estes incrementos ata converter a situación en asfixiante e que facer a compra sexa case un luxo”.

Comesaña insistiu en que o Goberno de España debe abandonar a “empatía cero” cos sectores produtivos e cos cidadáns e aprobar de inmediato axudas “suficientes e eficaces” para os sectores agrogandeiro e pesqueiro, que son os que levan os seus produtos ou surten a comerciantes en moitos mercados como o do Calvario, xa que indicou que ambos se atopan en “situación de emerxencia”.

Neste senso, o candidato popular lembrou que o PP aprobou esta mesma semana no Parlamento de Galicia unha iniciativa para demandar estas axudas ao Goberno central “e que revela o camiño que pretende seguir Feijóo” desde o Goberno central para coutar os efectos na xente da suba dun 60% no gasóleo agrícola e dun 88% no pesqueiro. “A Unión Europea permite mobilizar axudas de ata o 70% dos sobrecustos derivados da suba do combustible e dos fertilizantes, pero Pedro Sánchez decidiu limitar a axuda a uns pírricos 20 céntimos por litro”, lamentou.

APOIO DO PP DE VIGO A COMERCIANTES E PRACEIROS

Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, trasladou este sábado aos comerciantes e praceiros do Mercado do Calvario as propostas do Partido Popular para apoiar os pequenos establecementos desde o ámbito municipal.

Neste sentido, defendeu a necesidade de que o Concello se implique máis na defensa do comercio de proximidade, cun paquete de medidas que inclúe solicitar o selo Mercados Excelentes, crear un bono municipal para incentivar as compras no pequeno comercio, mellorar as instalacións dos mercados e desenvolver campañas mensuais de promoción por barrios, así como fomentar actividades paralelas e elaborar un plan estratéxico de comercio. O PP tamén reclama convocar a Mesa Local de Comercio.

Entre as propostas figura tamén a posta en marcha dun plan de choque fiscal, con bonificacións no IAE, no IBI e na taxa do lixo para os pequenos negocios que asuman o relevo xeracional ou que vexan reducida a súa actividade como consecuencia das obras municipais.

Neste sentido, reivindicou a importancia de escoitar ao sector do comercio, que afronta o incremento dos custos dos produtos, as dificultades para manter os seus negocios e a perda de poder adquisitivo dos consumidores.

Luisa Sánchez considera que o goberno local non está a aproveitar todas as ferramentas ao seu alcance para apoiar o sector e critica que as poucas iniciativas desenvolvidas sexan, ao seu xuízo, froito da reacción a propostas doutras administracións.

Novas