Comesaña lamenta que o Goberno de Sánchez queira “torpedear” o litoral galego e que se negue a investir na necesaria renovación da pasarela de Baltar

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, lamentou a postura do Goberno de Sánchez con respecto ao litoral de Galicia, xa que acusouno de querer “torpedealo” coa súa tenaz resistencia a que sexa xestionado pola Xunta de Galicia, pero, ao mesmo tempo, negarse a investir nas súas infraestruturas, como é o caso da necesaria renovación da pasarela de Baltar, na vila de Portonovo.
O candidato popular coñeceu de primeira man a situación da costa do Concello de Sanxenxo nun percorrido no que estivo acompañado pola coordinadora do PP na comarca do Salnés e concelleira, Paz Lago, e calificou de “destrutiva” a posición do executivo socialista sobre o litoral galego “O PSOE sempre quixo controlar a nosa costa para laminala, xa que a súa coñecida postura é a de devolverlle o seu estado de hai setenta anos, suprimindo así o xeito de vivir, relacionarse e protexer o litoral e o mar que temos os galegos. Non entenden nada, porque ninguén coma nós coñece e coida a nosa costa, xa que a precisamos no seu mellor estado para seguir vivindo coa nosa identidade”, aseverou o representante do PP.
Neste senso, o número 1 da lista popular ao Congreso non entende que os socialistas se resistan a perder o control do litoral, “algo que é lóxico porque é mellor que as decisións sobre o mesmo se tomen en Galicia e non en Madrid”, pero se desentendan por completo á hora de manter as súas infraestruturas, como este paseo sobre a duna de Baltar.
Comesaña lembrou que o Goberno de España opúxose á Lei do Litoral de Galicia pola que a Xunta asumía a xestión da costa e, a diferenza doutras comunidades onde transferiu a competencia, presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional (TC) que perdeu e agora segue querendo atrancar a situación cunha modificación do Regulamento de Costas para manter parte do control “malia que iso non se traduza nos investimentos que necesitamos”.
Polo demais e xa referíndose á pasarela de Baltar, o candidato e Paz Lago advertiron do perigoso estado das táboas, que están podres, e tamén da base da estrutura “co conseguinte risco e perigo para as persoas” nunha infraestrutura construida polo Goberno de España hai uns trinta anos e na que o Concello de Sanxenxo acomete mantementos puntuais, pero que precisa dunha renovación estrutural. En todo caso, e tras as negativas do Goberno ás peticións do alcalde, Telmo Martín, Paz Lago anunciou que finalmente esta actuación na pasarela será acometida polo Concello e a Deputación cun investimento de 1,8 millóns de euros “saíndo novamente ao rescate da xente da desatención do Goberno de España”.


