← Novas

Comesaña e Bayón anuncian que o PP eximirá do IVE aos autónomos que facturen menos de 85.000 euros anuais, o que beneficiará a 2.959 profesionais do Salnés

2 min

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, e o tamén candidato vilagarcián, Juan Bayón, anunciaron hoxe que un futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo eximirá do Imposto do Valor Engadido (IVE), tanto do pago como da repercusión, a todos os autónomos que facturen menos de 85.000 euros anuais, unha medida que beneficiará a 2.959 profesionais da comarca do Salnés-

Os candidatos populares, que mantiveron un encontro en Vilagarcía de Arousa con membros da Asociación Salnés Empresarial acompañados da voceira municipal, Ana Granja, lamentaron a excesiva presión fiscal do executivo de Pedro Sánchez en xeral, con máis dun cento de subas de impostos nestes oito anos, e que afecta especialmente aos traballadores por conta propia, dos que dixeron que son “fundamentais” para a economía real e a xeración de riqueza e de emprego, polo que adiantaron que o PP tentará viabilizar a súa actividade co Plan Integral de Autónomos presentado por Alberto Núñez Feijóo.

Comesaña e Bayón explicaron que as propostas do PP para este sector económico céntranse en aliviarlle o “inferno fiscal” dos gobernos de Sánchez, ao que lle afeou a súa nula sensibilidade cun colectivo estrátexico, e en favorecer o fomento do emprendemento. Ademais, recalcaron que a principal medida deste plan de autónomos, centrada na exención do IVE para os que non alcancen os 85.000 euros de facturación, “baséase nunha directiva europea do ano 2020, que era de implantación opcional para os países membros, e que loxicamente o PSOE desbotou pola súa voracidade recadatoria, malia que é unha demanda destes profesionais e que o Congreso aprobou unha Proposición Non de Lei (PNL) en marzo de 2026 para a súa posta en marcha e que incomprensiblemente segue sen estar en vigor”.

Os dous integrantes da lista do PP pontevedrés apostillaron que esta proposta de exención do IVE será “de gran axuda” en termos económicos e burocráticos para os 19.000 autónomos da provincia de Pontevedra con menor facturación, o que supón aproximadamente o 25% dun colectivo profesional conformado por 72.429 persoas. Neste senso, detallaron que O Salnés será un dos grandes beneficiados polo seu elevado volume de autónomos, xa que cumpren o requisito para quedar liberados do IVE 2.959 profesionais dos 11.836 rexistrados nos nove municipios deste territorio.

“Agardamos que, en menos de tres semanas, se plasme o cambio urxente que precisa o noso país e que, deste xeito, posiblemente a partires do próximo ano 2027, a clase traballadora, e loxicamente entre eles os autónomos, deixen de sufrir o asalto aos seus petos por un goberno socialista que non ten medida e que, como tampouco ten capacidade de xestión, empeora cada día os servizos públicos malia asfixiarnos cunha recadación récord”, concluiron Comesaña e Bayón, que seguirán mantendo encontros con colectivos socieconómicos da bisbarra arousana nos próximos días.

Novas