Comesaña anuncia en Vigo “máis pisos, máis axudas, máis seguridade xurídica e menos impostos” cun Goberno do PP para combater o “fracasado modelo de vivenda” de Sánchez

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados, Julio García Comesaña, anunciou hoxe en Vigo, no acto sectorial de vivenda organizado en San Paio de Navia, as medidas nesta materia do futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que pasan por dispoñer de “máis pisos, máis axudas, máis seguridade xurídica e menos impostos” co obxectivo de combater o “fracasado modelo de vivenda” de Pedro Sánchez.
“As políticas socialistas de vivenda levan oito anos fallando estrepitosamente ata converter esta cuestión no principal problema de España. Só no que vai de década, desde o ano 2020, na provincia de Pontevedra a oferta de alugueiro reduciuse nun 17% e os prezos medraron nun 41%, polo que hai que corrixir o 29 de novembro este camiño tan errado para que a xente poida ter un fogar a un prezo razonable”, aseverou o candidato popular, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue; o presidente provincial do PP, Luis López; a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez; e outros cargos como Irene Garrido, Mónica Domínguez ou Ana Ortiz, entre outros.
Comesaña explicou que o PP propón, para a próxima lexislatura, a construción dun millón de vivendas en toda España para aumentar a oferta, facilitar o acceso a un fogar e tratar de conter ou reducir os prezos. Ante un aforo no que estaban representantes de promotores e construtoras, colexios profesionais, cooperativas, inmobiliarias ou proxectistas da cidade, o número 1 da lista do PP tamén anunciou a redución do IVE do 10% ao 4% na adquisición de primeira vivenda para os menores de 40 anos, a habilitación dun pago fraccionado dos tributos ao ritmo da hipoteca, a redución da burocracia para que as licenzas se resolvan nun máximo de 90 días con silencio administrativo positivo e unha nova lei antiokupación que outorgue maior seguridade aos propietarios.
O candidato popular apostillou que ás políticas fracasadas de Sánchez desde 2018 engadíronse os dous decretos aprobados polo Consello de Ministros o pasado 6 de outubro “e cos que se pretende cargar un problema que debe resolver o Goberno nas costas dos pequenos propietarios e no prexuízo dos inquilinos”. Así, indicou que os efectos dos mesmos volveron a ser nocivos para o mercado, posto que no último mes, na provincia de Pontevedra, retiráronse o 22% das vivendas que estaban en alugueiro “polo evidente temor dos seus donos”.
ALLEGUE E SÁNCHEZ CONTRAPOÑEN OS MODELOS DE PP E PSOE
Pola súa banda, a conselleira María Martínez Allegue salientou a decidida proposta da Consellería de Vivenda, cun orzamento histórico de 520 millóns de euros en 2027 dos que 100 millóns serán para investimento directo na cidade de Vigo, e adiantou diversas novidades para universalizar o acceso a un fogar. “O Consello da Xunta aprobou o paquete de axudas máis ambicioso posible, dotado con 151 millóns de euros, para que 2027 sexa un ano clave”, aseverou a conselleira, que concretou que estas achegas serán para promotores ante o incremento do custe das obras, para demandantes de vivenda -principalmente os máis novos- e para os propietarios que queiran rehabilitar co gallo de aproveitar as vivendas baleiras.
A titular autonómica contrapuxo esta “política da realidade” coas 184.000 vivendas prometidas por Pedro Sánchez ao comezo da lexislatura “e que nada se sabe delas”. E ademais, puxo en valor as 1.600 vivendas que a Xunta vai levantar en Navia, con case 1.000 en marcha en distintos graos de execución, afeando que non contan con ningunha achega nin do Goberno de España nin do Concello. Finalmente, amosouse convencida de que “este modelo que funciona do PP” será o que Feijóo extenderá ao resto de España.
Finalmente, Luisa Sánchez constatou que a vivenda “é unha cuestión de partido”. “O PSOE racanea e o PP aposta por afrontar o principal problema da sociedade con centos de pisos en construción a través da Xunta de Galicia”, sinalou. Ademais das 1.600 vivendas en Navia, a presidenta local do PP citou os proxectos de interese autonómico en marcha na cidade para habilitar solo para máis de 3.600 vivendas no Ofimático e en Ramón Nieto, e as máis de 140 vivendas rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello, que multiplicará por catro a súa aportación para os vindeiros catro anos, con máis de sete millóns de euros.
Pola contra, apuntou Luisa Sánchez, o Goberno de España só tentou fallidamente mobilizar unhas poucas vivendas en Vigo “con importantes deficiencias estruturais denunciadas polos propios vecinos” e cun prezo de alugueiro por riba do de mercado por medio de Casa47. “E o PSOE de Caballero tamén está cruzado de brazos e nin sequera foi quen de facer unha soa vivenda en 19 anos. Cada día inventa unha cifra distinta, pero a realidade é que non puxo ningún ladrillo. A única administración que constrúe en Vigo é a Xunta”, aseverou.


