← Novas

Comesaña anuncia a recuperación de investimentos para mantemento de estradas co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na A-52 e na sete nacionais de Vigo e o sur

2 min

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, anunciou hoxe que o futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo recuperará uns investimentos axeitados e suficientes para o mantemento e conservación das estradas de titularidade nacional, tal e como aparece recollido específicamente no programa electoral, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e corrixir as súas actuais e deficientes condicións, principalmente no estado do firme.

O número un dos populares, que asistíu esta mañá ao acto de homenaxe ás vítimas de accidentes de tráfico organizado por Stop Accidentes no monumento da rúa Aragón de Vigo, manifestou que a seguridade viaria “é unha prioridade absoluta” para o PP, xa que as administracións teñen a obriga de manter as estradas en boas condicións, que é algo que non sucede nin en Vigo nin na cidade de Pontevedra polo esquecemento nestas actuacións por parte do Goberno de Pedro Sánchez no noso territorio.

Comesaña, que acudiu acompañado pola conselleira María Martínez Allegue e a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, afeoulle ao Executivo central o mal estado do firme e moitos outros problemas na Autovía A-52, “co cal a conexión da cidade con Ourense e con Madrid é insufrible e perigosa”, e tamén as pésimas condicións das sete estradas nacionais do sur da provincia (N-550, N-551, N-552, N-555, N-556, N-559 e N-120), que presentan graves deficiencias nos seus 107 quilómetros ao longo dunha decena de concellos, entre os que se atopan Vigo, Redondela, Ponteareas, O Porriño, Tui, Mos, A Caniza, As Neves, Mondariz e Covelo. Ademais, reprochou a súa situación pola escasa ou nula falta de mantemento do Goberno de España durante os últimos oito anos, xa que teñen unha gran importancia para a mobilidade da provincia ao acoller uns 75.000 vehículos diarios entre todas elas.

“Non pode ser que se recade un 70% máis de impostos na nosa provincia en comparación con hai oito anos e que as vías do Estado estean totalmente abandonas e nunhas condicións lamentables porque Sánchez non as atendeu axeitadamente nin investiu o necesario para mellorar a seguridade viaria”, advertiu Comesaña, que expresou o seu cariño e apoio ás vítimas de accidentes de tráfico e ás súas familias e puxo en valor o gran e incansable traballo de Stop Accidentes a prol da concienciación.

Novas