← Novas

Comesaña alerta en Moaña de que o PSOE pretende seguir “asfixiando á xente” con máis impostos e anuncia unha baixada xeral dos tributos cun Goberno de Feijóo

4 min

O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, alertou hoxe en Moaña, co gallo do mitin da campaña do 29-N, que o PSOE pretende seguir “asfixiando á xente” con máis subas de impostos en caso de seguir ao fronte do Goberno de España e defendeu o modelo oposto, cunha baixada xeral dos tributos, especialmente para as familias, cidadáns con rendas medias e baixas e autónomos, cun Executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo.

O número 1 da lista popular e o presidente provincial do PP, Luis López, participaron neste acto electoral, que tamén contou coa presenza do voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, a presidente do PP local, Estela Santomé, a candidata ao Senado Nidia Arévalo e a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro. No mesmo, o político vigués afondou na situación fiscal e a economía das familias, que é unha das cuestións que máis preocupa á xente polos aumentos de impostos e do custe da vida.

“O PSOE aplicou máis de cen subas de impostos neste tempo e incrementou a recadación fiscal na provincia de Pontevedra nun 70% neste tempo. Isto podería estar ben se melloraran os servizos públicos e a atención aos cidadáns, pero isto non está pasando, todo funciona peor, como a falta de apoio á xente do mar, asfixiada polo prezo dos combustibles e sen case axudas, como ben sabedes en Moaña. Esta recadación disparada estase amosando inservible, posto que non se revirte na xente nin nos servizos públicos pola súa evidente falta de xestión”, aseverou Comesaña, que denunciou que “lonxe de deixar de apretar á xente malia o que custa chegar a final de mes”, o PSOE pretende seguir subindo os impostos nos próximos anos “porque a súa voracidade fiscal non ten límites e non amosan ningunha empatía co sufrimento das economías domésticas”.

Fronte a este modelo, Comesaña anunciou que Feijóo e o PP van optar pola vía contraria, con baixadas xeralizadas de impostos e un mellor funcionamento dos servizos públicos, os investimentos e a atención aos cidadáns grazas á capacidade de xestión, o rigor e a eficiencia dos equipos do PP. “Non imos facer nada que Feijóo non fixera antes en Galicia e que coñecemos todos, que é cobrar uns impostos algo máis baixos, xustos e suficientes para que, con eficacia e moito traballo, os servizos funcionen de maneira óptima, aínda que peor que estes oito anos, cunha degradación evidente, é practicamente imposible”, concluiu.

LUIS LÓPEZ ARREMETE FRONTE AO VANDALISMO CONTRA O PP EN MOAÑA

Pola súa banda, Luis López comezou mandando unha mensaxe de apoio ao PP local fronte ao vandalismo dos radicais e intolerantes que destrozan as súas pancartas: “Non nos van calar. Poden agradir as ambulancias, pode vandalziar ao seu gusto e poden atacar os nosos símbolos, pero non o van lograr, por moito que fagan, o PP de Moaña estivo e estará ao carón dos veciños”. E ao respecto, solicitou á alcaldesa, ao Concello de Moaña e ao BNG que condenen rotundamente estes feitos violentos e que se posicionen a favor da libre concorrencia nas eleccións “agás que non sexan demócratas”.

Por outra banda, lembrou que a maioría dos cidadáns “quere cambio” para deixar atrás “estes oito anos nefastos” de Pedro Sánchez nos que a provincia de Pontevedra “foi especialmente agraviada, esquecida, abandonada e maltratada” polo PSOE coa complicidade do Bloque.

O presidente provincial do PP salientou que a situación é peor que hai oito anos e España non funciona “porque evidentemente Sánchez non está para gobernar senón para bailes e bicos” e indicou que o país precisa “a xestión demostrada” de Alberto Núñez Feijóo, pero deixou claro que o cambio só pasa pola papeleta do PP: “Optar por calquera outra opción política é favorecer que Sánchez siga catro anos máis ou tirar o voto con partidos que non van sacar representación na nosa provincia. Todos aqueles que queren botar a Sánchez saben o que teñen que facer e é votar ao PP, que ademais é sinónimo de confianza, rigor e seriedade”.

Por último, puxo en valor a figura de Feijóo e o seu vencellamento con Galicia e con Moaña, de onde é veciño durante moitas épocas do ano, “polo que temos unha oportunidade histórica de que alguén que vive en Moaña, que coñece Moaña e que sabe das necesidades de Moaña sexa o próximo presidente do Goberno”.

Novas