Novas Xeracións convoca o seu 10º Congreso Provincial para abrir unha nova etapa tras a renuncia de Ana Cristina Pérez, que deixa o cargo tras chegar ao límite de idade
Martes, 12 de maio de 2026
Novas Xeracións (NNXX) de Pontevedra vén de convocar o seu 10º Congreso Provincial para abrir unha nova etapa tras a renuncia da actual presidenta, Ana Cristina Pérez Cabaleiro, que deixa o cargo e a dirección da organización xuvenil tras chegar ao límite de idade dos trinta anos.
A xunta directiva de NNXX celebrou un encontro na sede provincial do PP e, tras coñecer a marcha da máxima dirixente, aprobou a apertura deste proceso orgánico e a celebración do cónclave, que terá lugar o vindeiro venres 12 de xuño na cidade de Pontevedra.
Paralelamente, tamén se procedeu á designación do Comité Organizador do Congreso (COC), que será o encargado de velar por todo este procedemento e que vai estar presidido pola pontevedresa Seila Varela Barreiro. Ademais, tamén formarán parte do mesmo o vigués Carlos Antonio Briceño Gil en calidade de vicepresidente, a concelleira de Caldas Sara Martínez Salgado como secretaria, e o lalinense Sergio Quinteiro Varela e a edil tomiñesa Alba Martínez Guerreiro como vogais.
Polo demais, o cronograma deste 10º Congreso Provincial de NNXX arranca na xornada de mañá, mércores 13, coa apertura do prazo de presentación de candidaturas á presidencia, que deberán estar apoiadas por alomenos 50 sinaturas de militantes e que permanecerá aberto ata o luns 25 de maio. Dous días despois, o mércores 27, procederase á proclamación das candidaturas presentadas que cumpran cos requisitos de avais, militancia e estatutarios. Posteriormente, abrirase unha campaña electoral interna entre os aspirantes que se prolongará entre o venres 29 de maio e o martes 9 de xuño.
Tras a aprobación deste proceso, a presidenta saínte, Ana Cristina Pérez Cabaleiro, quixo agradecer o traballo de toda a militancia da organización xuvenil ao longo dos seus case oito anos ao fronte da mesma -tomou posesión en outubro de 2018- e explicou que a partires de agora centrará a súa labor política como concelleira de Salceda de Caselas.