Nidia Arévalo esixe no Senado a actuación urxente do Goberno de España para frear a degradación do río Miño e lamenta a demagoxia e falta de solucións reais do BNG
Martes, 3 de xuño de 2025.-
A senadora do PP Nidia Arévalo vén de esixir no Senado a actuación urxente do Goberno de España no río Miño para frear a súa degradación e deterioro e lamenta, ademais da inacción, silencio e falta de compromiso do Executivo de Pedro Sánchez, a demagoxia e falta de solucións reais por parte do BNG, ao que lle afeou que non apoiara a proposta popular coa súa abstención, demostrando o seu nulo interese en mellorar as condicións deste caudal.
A representante popular trasladou onte á Cámara Alta, nunha cuestión na que o PP está a levar a iniciativa, as demandas históricas e consensuadas dos alcaldes ribeireños de todas as cores políticas, incluídos os nacionalistas, pescadores, clubes deportivos e veciños, polo que asegurou non se comprende a postura do Bloque propoñendo a creación dun ente supranacional que é imposible de materializar e que non respecta as competencias exclusivas dos dous Estados sobre o treito pontevedrés do río.
A tamén alcaldesa de Mos concretou que “o Miño presenta unha situación crítica” pola xestión irregular do caudal ecolóxico, a proliferación de especies invasoras, a sedimentación e os seus nocivos efectos sobre a navegación e o ecosistema, a falta de regulación no transporte de pasaxeiros e a obsolescencia normativa. Por elo, propuxo no Senado, de acordo co manifestado polos alcaldes e veciños dos oito concellos pontevedreses, afectados, que se adopten medidas de control dos caudais, que se acometa o dragado do río, que se erradiquen as especies foráneas e que se mellore a seguridade na navegación.
Neste senso, Arévalo cre que todo elo favorecería a defensa ambiental, económica, social e turística do treito internacional do Miño e lamento o “absoluto desentendemento” do Goberno de España, que se nega a acometer as actuación necesarias e imprescindibles para o futuro do río e que non responde a solicitude dos alcaldes, formulada en dúas ocasións, para manter unha reunión cos representantes do Ministerio de Transición Ecológica.
“Complicidade do BNG para deixar morrer o río”
Máis alá da postura contraria aos intereses dos pontevedreses por parte do Executivo central plasmada co voto socialista contra a moción do Miño, a senadora amosou a súa sorpresa polo posicionamento do BNG en Madrid, “xa que tras meses de silencio, sumouse á cuestión tarde e sen achegar solucións reais que contradin o que sosteñen os seus propios rexedores”.
Para Arévalo, a proposta nacionalista dun ente supranacional e a vaguedade dunha rexeneración ambiental respectuosa que exclúe o dragado “só é un invento populista e irreal, que non achega ningunha solución e que demostra a complicidade do Bloque co Goberno de España para deixar morrer o río”. “Fían todo a uns supostos de colaboración transfronteiriza que non están garantidos nin teñen financiamento e que demostran que só están preocupados en despistar e non en sumarse ás solucións efectivas que propoñemos desde o PP”, apostillou.
Ademais, anunciou que o PP insistirá na súa ofensiva institucional no Senado, o Congreso, o Parlamento galego e os concellos ata que o Goberno de España convoque aos alcaldes e adopte medidas: “Defendemos as propostas dos concellos e dos veciños para o Miño e farémolo ata onde sexa necesario, porque é inadmisible que non se actúe para coidar o río máis importante de Galicia e por iso lamentamos que, nun tema desta gravidade, o PSOE siga pasando de nós como fai sempre e o BNG se instale no absurdo e no imposible”.