NICO MONTES ANUNCIA A INTERPOSICIÓN DUN RECURSO CONTENCIOSO CONTRA A ORDENANZA DE VIDEOVIXILANCIA DE VEHÍCULOS NAS ZONAS DE APARCAMENTO LIMITADO

O voceiro municipal do PP de Tui, Nico Montes, vén de anunciar a presentación dun recurso contencioso-administrativo –como representante público pero a título particular– contra a ordenanza municipal reguladora do sistema de control de vehículos a través de cámaras de videovixilancia nos accesos ás zonas con horario limitado. Dita normativa foi aprobada en pleno polo goberno en minoría de Enrique Cabaleiro aproveitando a ausencia inexcusable dun edil popular e quedou validada definitivamente coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado 12 de xaneiro.

O concelleiro popular admitíu que non é partidario de xudicializar a vida política, pero explicou que neste caso actúa “por compromiso e defensa dos intereses xerais” dos veciños e dos comerciantes de Tui ante unha iniciativa reguladora que considera “un absoluto despilfarro por dilapidar 120.000 euros para apenas 50 prazas das zonas acoutadas, unha medida totalmente ineficiente para mellorar a grave situación do estacionamento na cidade e que atenta de maneira severa contra a privacidade das persoas vulnerando a Lei de Protección de Datos”.

O edil do PP, que exporá esta demanda ante o pleno de corporación na sesión fixada para mañá, tamén inclúe no seu recurso ante a Xustiza a solicitude de concesión dunha medida cautelar para que se suspenda a entrada en vigor desta ordenanza xa aprobada mentres se dirime nos tribunais.

“Véxome na obriga de recurrir ao amparo xudicial ante o atropelo do goberno de Enrique Cabaleiro e polo meu compromiso coa xente de Tui, que ten expresados moi maoritariamente o seu rexeitamento á instalación destas cámaras. Tanto eu como o meu partido estamos a favor da zona azul gratuíta para favorecer a rotación de vehículos e axudar ao comercio, e máis no contexto da nosa cidade cunha cifra de prazas totalmente insuficientes, pero considero que esta non é a maneira, que esta medida non mellora o funcionamento do casco urbano e que entra moi perigosamente na intimidade e na privacidade da xente”, detallou o voceiro popular, que engadíu que a captación de datos co modelo adoptado polo Concello non ten garantías e incorre en vicios de nulidade.

Nico Montes indicou que o trasfondo desta medida de videovixilancia xurde do “gravísimo problema de aparcamento en xeral” que ten a cidade de Tui e que se ten agravado nos últimos dez anos pola xestión socialista, xa que non foron quen de construír o demandado parquin público –chegando incluso a rescindir custosamente un contrato coa firma adxudicataria e logo abandonando definitivamente este proxecto– e paralelamente seguiron coa destrución de moitas prazas existentes cunha errática política de humanizacións das rúas.

“Creo que estamos ante unha fuxida cara adiante, outra máis, porque a zona azul funciona razoablemente ben como estaba e nela non está o problema, senón nas políticas sobre o aparcamento e na falta de solucións para recuperar ou crear prazas. Deste xeito, o goberno do PSOE quere facer ver que está facendo algo, pero os efectos van ser nulos no eido do estacionamento, aínda que si van ser prexudiciais para o comercio polo efecto disuasorio de vir a Tui e, por suposto, tamén contra a privacidade e protección de datos da veciñanza”, concluíu o concelleiro do PP.