Miguel Paz: “É sinxelo ter o Concello máis ou menos saneado coa presión fiscal máis alta dos concellos de ata 10.000 habitantes e sen servizos básicos como o pavillón”

Mércores, 8 de abril de 2026

O vicevoceiro do grupo municipal do PP da Illa de Arousa, Miguel Paz, emitíu o posicionamento do partido sobre a situación económica do Concello despois de que o alcalde presumira do saneamento das contas e comparase o seu estado co doutros municipios, como Vilanova de Arousa, sinalando que o rexedor “trata de retorcer a realidade con medias verdades e unha análise moi alonxada do que pensan a maioría dos veciños”.

“É sinxelo ter o Concello máis ou menos saneado, que tampouco están as contas pàra botar foguetes e proba delo é que o goberno sempre di que non ten cartos, cando os veciños da Illa sufren a presión fiscal máis alta de entre todos os concellos da provincia de ata 10.000 habitantes e ademais sen investir axeitadamente esa voraz recadación de impostos, xa que hai que lembrar que carecemos de moitos servizos básicos, comezando polo pavillón polo que levamos agardando máis de 25 anos”, manifestou o concelleiro popular.

O edil indicou que a política económica do bipartito PSOE-BNG baséase e susténtase en “fritir a impostos aos veciños”, tal e como leva denunciando o PP durante todo o mandato e que se confirmou cunha nova suba da recadación de impostos e taxas no último ano do 14%. “Presumir da boa saúde das contas do Concello cando os nosos veciños pagan 577,9 euros de tributos municipais ao ano, que realmente é máis porque no concepto de presión fiscal inclúese a todos os illeños, ata os menores de idade, no que supón unha cifra récord de entre os municipios de ata 10.000 censados, pois a verdade é que dá bastante pena. Pero se isto supuxese que tiveramos todos as infraestruturas e servizos sería unha boa xestión aínda que a xente estivese apretada, pero non é caso porque carecemos de infraestruturas básicas e tampouco son quen de investir no desenvolvemento do urbanismo para que a xente poida facer unha casa no seu concello”, manifestou o vicevoceiro.

Finalmente, Miguel Paz tamén criticou que o alcalde presumise, paralelamente á xestión económica, de que iso ía acompañado de “infraestruturas de primeira orde”, que é algo que explicou de xeito textual e que vén desmontado pola realidade, co pavillón como principal exemplo, xa que revelou que algúns adestramentos de equipos base do Dorna de baloncestou ou o recente evento do equipo de ximnasia rítmica tiveron que celebrarse en Vilanova pola falta de instalacións deportivas axeitadas. “Que se compare con Vilanova cando eles teñen cinco pavillóns e nós, ningún, é moi triste”, concluíu.