Maril lamenta que Silleda vaia quedar sen cursos de natación porque o Concello non contactou coa empresa da Agasp malia o acordo alcanzado polo PP

Silleda, 25 de xaneiro de 2025.-

O voceiro municipal do PP de Silleda, Ignacio Maril, vén de lamentar que os veciños vaian quedar sen cursos de natación no presente curso pola desidia do goberno local, xa que o Concello non contactou coa empresa concesionaria da piscina da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) da Estrada para pechar as condicións desta actividade malia o acordo alcanzado o pasado mes de novembro polo PP local e os responsables desta firma para o emprego desta instalación acuática.

O concelleiro popular criticou que, deste xeito, se estea a incumprir o acordo plenario alcanzado na sesión do pasado mes de decembro –cos votos favorables do PP e as abstencións de PSOE e BNG– para celebrar esta actividade, moi demandada polos silledenses, na piscina da Estrada.

Ademais, para o edil do PP trátase dunha mostra de sectarismo que prexudica aos silledenses “simplemente porque non se lles ocorreu a eles” e engadíu que a súa actitude no pleno xa deixaba claro que non ían acometer a actividade. “O PSOE abstívose por vergoña e por non quedar mal coa xente, pero non quere concretar o acordo só por vingarse de que nos tivéramos a iniciativa, malia que o están pagando os veciños, pero tamén hai moito de cansancio, pasotismo e esgotamento dun goberno municipal que leva demasiados anos arrastrando os pés e que non ten gañas ningunhas de loitar por Silleda”.

“Despois de que se perderan os cursos municipais de natación no Hotel Via Argentum pola excusiva responsabilidade do goberno local, seguen a impedir que os veciños teñan esta oportunidade incluso cando lle damos todo feito e se lle pon a solución en bandexa”, detallou Maril, que finalmente insistíu en que os socialistas aínda están a tempo de falar coa empresa da piscina e ofrecer estas actividades e os cursos de natación durante alomenos os catro ou cinco derradeiros meses do presente curso lectivo.