Maril insta ao Concello de Silleda a poñerse a traballar na recuperación e posta en valor do vertedoiro de Campomarzo e apela ao proxecto do PP para convertelo en área recreativa

Silleda, 11 de abril de 2026

O voceiro municipal do PP de Silleda, Ignacio Maril, vén de instar ao Concello a poñerse a traballar dunha vez por todas na recuperación e posta en valor dos terreos do vertedoiro de Campomarzo despois de que a Xunta emitise unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable para a súa reconversión nunha zona de depósito de residuos industriais non perigosos.

“A Xunta fixo, unha vez máis, un traballo impecable e desbotou, baseada unicamente en cuestións técnicas, un futuro de vertedoiro para Campomarzo, polo que ao goberno local xa se lle acabaron as excusas para seguir perdendo o tempo e ten que actuar xa para recuperar eses terreos e poñelos ao servizo dos silledenses”, significou o edil popular, que apelou, como mellor solución posible, ao seu proxecto –presentado na campaña das municipais de 2023– para mercar eses terreos e convertelos nunha gran área recreativa.

O concelleiro do PP, que lembrou que dita iniciativa contou co apoio da actual conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, explicou que o proxecto pasar por facerse cos terreos e reconfiguralos como zona de lecer que podería estar vencellada á Fervenza do Toxa e ao Mosteiro de Carboeiro pola súa próximidade. “Hai menos dun quilómetro, están próximos ao aparcadoiro e ademais hai unha senda aínda máis curta, polo que poderíamos conseguir un enorme espazo natural no corazón de Silleda”, manifestou.

Ignacio Maril tamén replicou ás intencións do goberno socialista de reclamar insistentemente o sellado do vertedoiro, “que é algo que está moi ben, pero cremos que hai que ir a máis, que hai que ser ambicioso para aproveitar esta oportunidade histórica para o noso concello”, polo que defendeu a súa proposta dunha gran área recreativa nesta contorna coa gran superficie do vertedoiro.

Finalmente, lembrou que só a súa formación e tamén o BNG se posicionaron decididamente contra a continuidade da actividade do vertedoiro non hai moito tempo e a súa reconversión en zona de depósito de residuos, xa que o PSOE “tiña outros intereses, especialmente cando gobernaba o anterior alcalde, e mantivo unha posición morna, por dicilo suavemente”. “Que agora se arroguen esta posición ambientalista e como os maiores defensores do peche de Campomarzo é surrealista porque a hemeroteca, non tan lonxana, os retrata, pero o damos por bo se comezan coa recuperación e rexeneración dese espazo”, concluíu Maril.