Maril exemplifica a falta de planificación xeral das obras do Concello cos graves problemas que causa a humanización da Avenida do Parque con caídas, restriccións a afeccións a actos

Silleda, 2 de abril de 2026

O voceiro municipal do PP de Silleda, Ignacio Maril, vén de criticar a falta de planificación que se produce de maneira xeralizada en todas as obras do Concello e exemplificou esta neglixencia cos graves problemas que está a causar a humanización de Avenida do Parque –na que se invisten 750.000 euros financiados pola Deputación e a Xunta– na que se teñen rexistrado caídas de veciños, importantes restriccións de accesibilidade e afeccións aos actos sociais.

O concelleiro popular lamentou a falta de control, vixilancia e dilixencia do executivo de Paula Fernández nesta mellora urbana, xa que indicou que se pecharon as dúas marxes ao mesmo tempo, que é unha cuestión que se podería evitar, como se fan nos demais concellos, para actuar de xeito alternativo en cada unha das beirarrúas minimizando os prexuízos aos veciños.

Así, indicou que esta situación ten provocado algún que outro accidente, con pequenas lesións para algún viandante por caída, dificulta moito a accesibilidade, especialmente para persoas con mobilidade reducida, e vai afectar á celebración de actos socioculturais de relevancia para a vila, como é o caso da procesión de Semana Santa. Neste senso, lembrou que xa se causaron molestias nos eventos do pasado Nadal.

Ademais, Maril cre que a mellora debería estar moito máis avanzada tras catro meses e medio de traballos, o que, segundo a súa opinión, vén derivado do absoluto pasotismo do executivo municipal á hora de executar as obras. “Cáenlle centos de miles de euros da Xunta e da Deputación e, en vez de xestionar a obra con celeridade e sentidiño para diminuír os prexuízos aos silledenses, deixan que os traballos flúan ao seu aire sen tomar ningún tipo de medida para que as molestias, habituais en cada obra en calquera sitio, sexan as mínimas. En Silleda os veciños sufren cada actuación ata as últimas consecuencias”, indicou.

Finalmente, lembrou que este descontrol é habitual en todas as obras promovidas polo Concello e instou ao goberno local a, dunha vez por todas, tomar medidas serias e planificar as mesmas “para que se fagan con orde, cos menores prexuízos posibles e para que non se eternicen no tempo”.