Maril acusa á alcaldesa de Silleda de “retrasar deliberadamente” a proposta de rebaixa do IBI aprobada polo pleno para impedir a súa entrada en vigor no ano 2026
Silleda, 29 de novembro de 2025
O voceiro do grupo municipal do PP de Silleda, Ignacio Maril, acusou á alcaldesa, Paula Fernández, e ao goberno socialista de “retrasar deliberadamente” a proposta de rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que fora aprobada por un acordo unánime do pleno para impedir a súa entrada en vigor no ano 2026.
“Esta semana coñecemos a diminución do tipo impositivo da Contribución ofertado polo executivo municipal que, deste xeito, consumou a súa gran mentira, a de facerse o bo diante dos veciños para frear o enorme desgaste que ten entre os silledenses, pero realmente marear o tema todo o que puido e un pouco máis para cumprir co seu verdadeiro obxectivo, que pasa por incumprir o acordo do pleno sobre o IBI, negarse a rebaixalo e seguir fritindo a impostos á xente”, manifestou o concelleiro popular, que lamentou que os trasdezáns vaian seguir pagando un ano máis a Contribución máis alta da comarca do Deza.
O edil do PP recalcou que o Concello de Silleda non só ten o tipo impositivo máis alto da zona no que se refire ao IBI, senón que os seus valores catastrais tamén os máis elevados tras sufrir, nos últimos anos, dúas actualizacións de valores impostas polo Goberno de España ás que hai que engadir outra máis por mor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
“O nivel de ingresos e recadación que ten o Concello pola forte fiscalidade que nos impón o PSOE de Madrid permitían esta rebaixa, plenamente xustificada para axudar ás familias no actual contexto de inflación e sen poñer en perigo ningún servizo municipal, pero a Paula Fernández non lle dou a gaña e o demostran os seus tristes feitos”, advertíu Maril, que anunciou que nos próximos días analizará ao detalle a proposta de rebaixa do IBI realizada pola alcaldesa co seu grupo municipal para fixar a postura do PP sobre a mesma, pero xa adiantou, coas primeiras cifras, que lle parece “pírrica e insuficiente”.
En todo caso, e máis alá dos números, que agora teñen menos trascendencia posto que non poderán, por cuestións de prazos, entrar en vigor o próximo ano, o voceiro popular arremeteu contra a actitude da rexedora para incumprir o acordo plenario sobre este imposto. “Tivo todo o tempo do mundo desde que se acordou esta medida de apoio ás familias no pleno do pasado mes de outubro, pero tivo parado o tema e tardou corenta días ata que fixo a súa proposta esta mesma semana, o xoves 27, malia que xa lle advertiramos o 15 deste mesmo mes que xa non ía dar tempo a aprobar a rebaixa e sometela, como é preceptivo a exposición pública”, sinalou Maril, que concretou que, a 32 días para que remate o ano, xa é impostible que se aplique o decremento fiscal, aínda que garantíu que, desde o PP, seguirase insistindo nesta cuestión “para deixar de afogar aos silledenses”.
Lamenta a atitude ditatorial de Pena
Por outra banda, o voceiro popular lamentou a atitude ditatorial de Paula Fernández Pena no pleno celebrado onte cando procedeu á súa expulsión por esixirlle unha resposta ou rectificación sobre a acusación que verteu contra o PP polo inexistente emprego do termo “disminuido físico” nunha moción.
Maril indicou que estas formas da rexedora “demostran o nerviosismo no que está inmersa porque o Concello escapáselle das mans e os veciños están totalmente fartos da súa actitude e da súa xestión” e salientou que nin el nin os representantes populares están dispostos a consentirlle “nin máis mentiras nin máis faltas de respecto” e van seguir afondando na súa labor de oposición “aínda que non lle guste porque o goberno fai augas”.