Luisa Sánchez pregunta ao goberno local polos motivos da desaparición de ata 40 vivendas no proxecto urbanístico municipal de Santa Cristina
23 de setembro de 2026
A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, cuestionou ao goberno local polos motivos da desaparición de ata 40 vivendas no proxecto urbanístico municipal de Santa Cristina, en Lavadores. “Mentres que o futuro edificio municipal de 27 vivendas en Esturáns xa se encareceu en máis de dous millóns de euros, as vivendas anunciadas en Santa Cristina se reducen, é un caso de vivendas menguantes”, subliñou.
A líder da oposición preguntou por esta reducción de 200 a 160 vivendas no Consello da Xerencia de Urbanismo desta semana, sen que a concelleira responsable do área fose quen de dar unha explicación ao respecto. “Non aclarou os motivos e limitouse a botar balóns fóra”, manifestou.
Durante unha intervención en Santa Cristina ante os medios de comunicación, Luisa Sánchez mostrou o documento municipal que se atopa en exposición pública no que en ata cinco ocasións precísase que se farán 160 vivendas nesa actuación.
“Caballero leva desde o ano 2021 anunciando reiteradamente 200 vivendas neste punto da cidade, pero agora resulta que só contemplan 160, un 20 por cento menos. Polo camiño desapareceron 40 vivendas sin que saibamos o por que”, apuntou.
A presidenta popular contrapuxo a falta de acción por parte do goberno local “que aínda nin comezou a mudanza do Parque Central de Servicios” coas continuas noticias sobre novas licitacións e inicios de obras por parte da Xunta de Galicia, que a pasada semana iniciou a construcción de 215 vivendas máis en Navia.
“Uns anuncian, outros están en obras. Uns actúan e outros levan cinco anos anunciando o mesmo proxecto e aínda non comezaron. Cada vez teño máis claro que se entregarán as chaves das primeiras vivendas que a Xunta constrúe en Navia antes de que se poña o primeiro ladrillo dun proxecto do Concello de Vigo”, destacou a presidenta local do PP.
O PARTIDO POPULAR É O PARTIDO DA VIVENDA
Ao respecto, manifestou que “está claro” que a vivenda “si é unha cuestión de partido” e apuntou neste sentido que o PSOE “está racaneando neste asunto tan grave”. Como exemplo, puxo as escasas vivendas a través de Casa47 “con prezos por enriba da media do mercado” e a “rácana partida” do goberno socialista de Vigo para a futura empresa municipal de vivenda que aínda nin existe. A maiores, engadiu, o goberno de Caballero “non é capaz de arrancar coas obras nin consegue resultados cos escasos programas municipais de vivenda, que xa avisamos que eran raquíticos e o tempo nos da a razón”.
Enfronte, precisou Luisa Sánchez, hai un Partido Popular que se erixiu no “partido da vivenda, porque está traballando xa para solucionar o principal problema da sociedade, con centos de pisos en construcción en Vigo a través da Xunta de Galicia”.
A presidenta local do PP asegurou que o seu obxectivo tamén e traballar para aumentar as vivendas de Vigo. “Espero que a cidade me deixe demostralo a partir do 2027, porque a miña aposta pasa por destinar, dende o Concello, 60 millóns a vivenda: a compra de solo, a construcción, a rehabilitación e a promoción do alugueiro”, desgranou.
“Eu quero que Vigo deixe de contar vivendas imaxinarias e menguantes. Quero que comece a contar vivendas con familias dentro”, concluiu.