Luisa Sánchez pedirá no pleno ao goberno local que reformule o parque canino de Barreiro que rexeitan frontalmente os veciños e os usuarios
27 de setembro de 2026
A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, instará este luns ao goberno local que escoite o clamor veciñal e dea marcha atrás na licitación do parque canino de Barreiro, que segue o “modelo minifundista” do espazo para mascotas de García Picher, na rúa Jacinto Benavente. “Os veciños xa mostraron a súa oposición frontal a un proxecto municipal que consideran absolutamente insuficiente e que xa anticipan que ninguén vai usar porque non reúne as mínimas condicións, polo que quedará abandonado”, afirmou.
A líder da oposición mantivo un encontro cos veciños e usuarios, que dende hai tempo rexeitan a execución dun parque canino en Barreiro, de apenas mil metros cadrados. Durante a reunión, Luisa Sánchez trasladoulles o seu apoio xa que “fronte ao modelo minifundista de Abel Caballero, o PP aposta por un gran espazo verde de miles de metros cadrados con todos os servizos e comodidades que precisan as nosas mascotas”, apuntou para acto seguido adiantar que o trasladará ao goberno local no pleno deste luns a través dun rogo.
Fronte ao modelo de “parque-xaula” como o que existe xa en García Picher, en Jacinto Benavente, o PP aposta por un gran espazo de, como mínimo, 3.000 metros cadrados aínda que aspirando a que sexa maior, e no que os animais poidan sentirse libres e non pechados nun espazo minúsculo como os que propón o Concello.
“Un proxecto dimensionado e integral que, entre outros, conte cun circuíto de Agility dun tamaño apropiado para fomentar o exercicio e a estimulación dos animais, así como todos os servizos e infraestruturas necesarias como fontes adaptadas, zonas de sombra natural, mobiliario urbano para os donos e iluminación axeitada para garantir o uso nocturno”.
Neste senso, aproveitou para lembrar que a Xunta de Galicia comprometeuse a financiar a construción dun gran espazo destas características nas grandes cidades nunha parcela municipal previamente cedida á administración autonómica, unha iniciativa que foi ben recibida en Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Lugo e Ourense. “En todas salvo, como non, en Vigo, que unha vez máis é a única que rexeitou participar”, manifestou a presidenta local do PP, que apuntou que adherirse a esta iniciativa permitiría aforrar cartos ao Concello, xa que o proxecto de Barreiro ten un orzamento de licitación duns 170.000 euros.
“É un exemplo máis da política de confrontación que practica Abel Caballero fronte ao modelo de diálogo, consenso e acordo que practican os demais”, indicou Luisa Sánchez, que reclamou ao goberno local que “escoite o clamor veciñal de Barreiro antes de que se adxudique este proxecto municipal mal pensado e peor deseñado e que se escoite aos veciños para planificar unha infraestrutura acorde ao século XXI e á altura dunha cidade con case 50.000 cans censados”.