Luisa Sánchez lamenta que o PSOE ataque os intereses de Vigo ao evitar un consenso institucional na Deputación para reclamar que a cidade sexa sede do Mundial 2030
Mércores, 16 de abril de 2025.-
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de lamentar que o PSOE ataque novamente os intereses de Vigo ao evitar indisimuladamente a consecución dun consenso institucional no seo do pleno da corporación provincial para reclamar que a cidade sexa designada como sede do Mundial de Fútbol 2030.
Deste xeito, Luisa Sánchez lamentou que os socialistas presentasen unha moción sobre esta cuestión que estaba orientada exclusivamente a criticar a administracións rexidas polo PP e a cargos populares e non a acadar un “acordo máis que necesario” para que a cidade olívica teña máis opcións para ser incluida entre as cidades españolas que albergarán a Copa do Mundo. Neste senso, o PP presentou unha enmenda ante a moción socialista, que non foi aceptada por esta formación “demostrando así o que lle importa que Vigo sexa sede do Mundial: cero”.
En todo caso, a vicepresidenta provincial lembrou que o pleno da Deputación xa aprobou, hai algo máis de dúas semanas, unha proposta do PP na que se reclamaba a inclusión de Vigo e do Estadio Municipal de Balaídos como espazos deste campionato.
“Necesitamos que Vigo sexa sede do Mundial, que é algo que queremos desde o primeiro minuto. E por iso optamos por defender a Vigo desde o consenso, desde o sentido de cidade e desde a unidade, que é algo do que escapan totalmente os socialistas”, aseverou Sánchez, que advertiu que na moción socialistas, máis alá das críticas ao PP, non se especifica en ningún caso o establecemento de interlocución ou dun encontro bilateral coa Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
A vicepresidenta lamentou a espantada dos deputados socialistas no pleno provincial do 28 de marzo para evitar debater e votar a moción do PP, “xa que ao PSOE e ao alcalde Abel Caballero só lles interesa montar broncas e instalar nunha política de enfrontamentos que, coma sempre, non consegue resultados positivos para a cidade”.
Tras calificar de “surrealista” que a Xunta teña que dar explicacións dun proxecto ao que é totalmente allea e poñer en valor todo o traballo e compromiso realizado pola Deputación a prol de Vigo e do Estadio de Balaídos, Luisa Sánchez lamentou que o Concello non presentase o certificado de solvencia para garantir o financiamento necesario, ou que deixase respostas en branco, o que provocou que a cidade se situase no límite das cidades a albergar unha sede.
En todo caso, e tras criticar os acordos-trampa e a política de bulos do PSOE vigués neste asunto, Luisa Sánchez instou aos socialistas a abandonar a súa política de belixerancia e confrontación para achegarse “a un consenso máis que necesario que permita enviar a mensaxe rotunda de que Vigo quere e merece ser sede deste campionato”.