Luisa Sánchez lamenta que Caballero se opoña a ter á cidade preparada de cara á visita da FIFA na que se avaliará a candidatura como sede ao Mundial 2030
28 de setembro de 2026
A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, lamentou que o PSOE de Abel Caballero votara este luns en contra de presentar un informe sobre o estado da candidatura de Vigo para ser sede do Mundial, que inclúa un proxecto construtivo, as actuacións para adecuar os centros de adestramento, o orzamento actualizado e un calendario con todas as obras necesarias. “Está a candidatura municipal preparada para pasar o exame? Todos –ou polo menos a maioría– queremos que a resposta sexa que si. Porque hai algunhas alarmas acendidas”, apuntou.
Durante a súa intervención no pleno, a portavoz do grupo popular instou ao goberno local a “facer o seu traballo” e “estar á altura” para garantir a preparación de Vigo ante a visita da FIFA na que se avaliará a súa candidatura. “Tal e como mostrei aquí fai uns meses, o calendario que o Concello de Vigo presentou á Federación Española, que é público, saltou polos aires”, manifestou.
Segundo aquela cronoloxía, a segunda reforma da grada de Tribuna “tería que estar executándose agora, no segundo semestre de 2026”, indicou. De feito, “a futura grada Iago Aspas, grazas á idea que me copiou o alcalde”, precisou Luisa Sánchez, contaba cun prazo de execución de preto de tres anos e tampouco se contemplaba o traslado dos colectores, unha obra que non estará finalizada ata xuño de 2027 e que paga Aqualia.
“A reforma proposta entón era diferente á que se propón agora”, destacou a líder da oposición, que precisou que, do “cambio de plans” de Caballero, tan só hai un “debuxiño”. “Iso é, polo momento, o único que ensinou”, dixo.
Polo tanto, engadiu a presidenta local do PP, “se ata o verán de 2027 non se comeza a ampliar a grada, e a obra agora é máis aparatosa, cabe cuestionarse se se vai a chegar a tempo”. “Pois eso é o que se pregunta a cidade: cal é o plan? E de momento non hai unha resposta”, resumiu Luisa Sánchez.
“O MÁXIMO RESPONSABLE DA CANDIDATURA É O CONCELLO”
Tras insistir no seu apoio, “demostrado con feitos”, a que Vigo sexa sede e lembrar que a Deputación e a Xunta aportarán fondos, Luisa Sánchez puntualizou que “o máximo responsable da candidatura é o Concello de Vigo”.
“Vimos con ánimo construtivo a pedir ao goberno que esté preparado. Teño a mano tendida porque a visita da FIFA está preto e é necesario convencela de que Vigo merece ser sede do Mundial”, explicou.
Na súa intervención, Luisa Sánchez insistiu que “os beneficios de acoller o Mundial superan aos inconvenientes”. “Porque é un acontecemento histórico, pola imaxe de Marca para Vigo, porque os estudios calculan un retorno económico de entre 132 e 177 millóns de euros, porque atraeremos turismo e porque as inversións non son para dous partidos: quedarán a futuro para o deporte vigués, para o Celta e para eventos multitudinarios”, enumerou.
“E porque estamos ante unha ocasión única que Vigo non pode deixar pasar, para proxectarse ao mundo e para consolidarse como unha cidade moderna, ambiciosa e preparada para grandes retos”, apuntou.
POTENCIAR O AEROPORTO DE PEINADOR
Durante a sesión plenaria, a presidenta do PP de Vigo solicitou ademais ao alcalde socialista que acuda á reunión, este mércores, do grupo de traballo de conectividade aérea de Galicia. “Sería unha demostración de que lle interesa Peinador”, apuntou para acto seguido confirmar que ela si estará presente
“Podemos prever que Caballero non estará porque o que lle interesa realmente é a polémica sobre Peinador e non Peinador en si. Arrogouse a xestión de Peinador ata convertela nun desastre e deixar ó aeroporto con só catro rutas directas estables”, lamentou.
De feito, manifestou que o alcalde socialista non “moveu nin un dedo” para esixir ao Goberno de Pedro Sánchez que rebaixe as tarifas aeroportuarias mentres que “ignora” a Ryanair. “Nos gustará máis ou menos, pero temos á aeroliña líder en Europa chamando á porta”, concluíu.