Luisa Sánchez lamenta a incompetencia do Goberno de España e AENA e ínstaos a que rectifiquen a súa política de taxas aeroportuarias que deixa a Peinador cunha grave perda de voos, destinos e frecuencias
Pontevedra, 26 de setembro de 2025.-
A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, lamentou esta mañá a situación na que se atopa o aeropuerto de Peinador pola incompetencia do Goberno de España e de Aena, e demanda que de maneira urxente o Concello de Vigo, principalmente ao alcalde, Abel Caballero, a que se involucre na defensa do Aeroporto de Peinador ante as administracións e empresas estatais competentes para garantir que os cidadáns e o tecido empresarial da cidade e da contorna dispoñan dunha oferta axeitada e ampla de conexión, xa que están deixando a Peinador cunha grave perda de frecuencias e destinos.
Luisa Sánchez, acompañada do deputado nacional, Juan Bayón, pola senadora, Pepa Pardo, e polo deputado autonómico, Raúl Santamaría, trasladáronse ao aeroporto vigués, onde a vicepresidenta da Deputación demandou ao Goberno de España e AENA a rectificar a súa estratexia e manter unha política de taxas aeroportuarias que faga viables as operacións das aeroliñas nos aeroportos, como é o caso de Peinador, e que leven a cabo un traballo activo de captación de novas rutas.
Segundo explicou a vicepresidenta da Deputación o aeroporto de Peinador está a padecer nos últimos anos un proceso de deterioro nos seus servizos, frecuencias e funcionamento que está a mermar a súa utilidade como un sistema eficiente de transporte para os 950.000 cidadáns da provincia, tal e como revelan as cifras anuais de usuarios.
De entre os tres aeroportos galegos, o de Peinador é o que presenta as cifras máis baixas de viaxeiros malia pertencer á cidade máis poboada e importante de Galicia, pola política de absoluto abandono de AENA e do Ministerio de Transportes con esta instalación aeroportuaria e tamén, pola errática e inconsistente acción do goberno local de Vigo a través de millonarios contratos de promoción turística ás compañías que non teñen servido para consolidar nin unha soa ruta.
Así, Peinador pechou o pasado ano con 1.058.529 pasaxeiros -tendo en conta que estivo pechado 25 días en maio por obras-, o que supón un estancamento con respecto aos 1.136.157 do ano 2023. E seguindo con este declive, os 11.515 voos que operaron en 2024 supuxeron un retroceso do 22,5%, o que supón a maior caída de toda España nun contexto xeralizado de subas de frecuencias, mentres que o desprazamento de mercadorías perdeu ata un 61%, un desplome que, desgrazadamente, tamén é o maior de todo o país.
Paralelamente, a decisión de Ryanair de cancelar a súas operacións en Peinador a partir do vindeiro 1 de xaneiro pon en evidencia, unha vez máis, a errática política aeroportuaria do goberno local que logo de 18 anos deixará unha terminal baleira.
Deste xeito, desde o Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra presentarase no Pleno da Deputación provincial o vindeiro martes unha moción demandado ao Goberno de España e AENA que exerzan as súas competencias para potenciar aos medianos e pequenos aeroportos, nomeadamente Peinador, a través dun traballo activo de captación de novas rutas; a que rectifiquen a súa estratexia e manteñan unha política de taxas aeroportuarias que faga viables e atractivas as operacións das aeroliñas nos aeroportos periféricos, como é o caso de Peinador en Vigo. Ademais de solicitar ao Concello de Vigo, principalmente ao alcalde, Abel Caballero, e ao goberno local, a que se involucre na defensa do Aeroporto de Peinador ante as administracións e empresas estatais competentes para garantir que os cidadáns e o tecido empresarial da cidade e da contorna metropolitana dispoñan dunha oferta axeitada e ampla de conexión, alomenos, con diversos destinos do resto de España.
E nesta situación, desde o PP Provincial tamén temos que lamentar que, no marco da caída de pasaxeiros e mercadorías e o deterioro do aeroporto vigués polas decisións do Goberno de España, o Concello de Vigo siga sen defender axeitadamente a única terminal da provincia e non eleve as xustas esixencias e demandas para refrotalo ante os responsables de AENA e Transportes e se limite a culpabilizar á Xunta no marco da súa habitual política de confrontación cando, ademais, non se trata da súa competencia.
Por todo elo, “desde o Partido Popular cremos que se debe trasladar a AENA e ao Ministerio a necesidade de que implementen as medidas necesarias para que o aeroporto de Peinador incremente voos, destinos e frecuencias, que cremos que é onde está a clave para un futuro repunte, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de transporte eficaz aos vigueses e demais cidadáns da provincia”, finalizou a vicepresidenta da Deputación.