Luisa Sánchez insta a Abel Caballero a unirse ao grupo de traballo da conectividade aérea e a incluír no orzamento de Vigo unha partida para Peinador

26 de setembro de 2026

A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, instará a Abel Caballero no pleno a que participe no grupo de traballo da conectividade aérea constituído por Aena para atraer rutas a Peinador e o resto de aeroportos galegos e que consigne nos orzamentos municipais unha partida para apoiar a chegada de novas conexións na terminal viguesa. “Aínda que persista na súa torpeza de non integrarse no Pacto por Peinador impulsado pola Deputación de Pontevedra, que ten o visto bo de Aena e a Xunta, polo menos que se implique personalmente na labor que desenvolve este grupo de traballo que busca mellorar a actividade do aeroporto de Vigo”, manifestou.

A portavoz popular confirmou a súa presencia na reunión, que terá lugar o 30 de setembro e na que tamén estarán representantes da Xunta e de Aena. “Que o aeroporto de Vigo despegue e sume novos destinos, cantos máis mellor, é dende logo o meu obxectivo e un compromiso que adquirín e demostro con feitos”, subliñou.

Ese compromiso, avanzou, tamén se evidencia coa dotación de 400.000 euros nos orzamentos da Deputación de Pontevedra para apoiar a chegada de dúas novas rutas aéreas. “Unha cantidade que, dende logo, pode ampliarse si xurde a posibilidade de acadar máis de dúas conexión desde Peinador”, matizou.

“Con todo, como o alcalde non pode dicir o mesmo, darémoslle unha nova oportunidade no pleno deste luns”, avanzou. En concreto, o Partido Popular presentou unha emenda para instarlle a acudir á reunión do 30 de setembro e tamén para que “sexa máis específico” e consigne nos orzamentos municipais unha partida para potenciar Peinador. “Porque fala moito de pór cartos, pero non di canto”, apunta a portavoz popular, que engadiu que “nese exercicio de concreción tamén lle emprazaremos a que aclare as rutas que querría financiar con ese diñeiro”.

Na sesión plenaria, a presidenta local do PP tamén volverá a reclamar ao goberno local que “abandone o dopaxe a aeroliñas, que se mostrou fracasado, e opte por un novo modelo, por unha promoción a curto prazo, durante un ano, que logo derive nunha consolidación da ruta a longo prazo”.