Luisa Sánchez incorpórase ao comité de dirección do PP Provincial coa “prioridade exclusiva do proxecto de futuro para Vigo”
Xoves, 3 de xullo de 2025
A presidenta do PP de Vigo e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de incorporarse ao comité de dirección do PP Provincial de Pontevedra co gallo da primeira reunión deste órgano executivo celebrada tras o recente congreso local dos populares da cidade do pasado mes de febreiro.
Deste xeito, a máxima responsable do PP vigués estreouse nesta reunión de traballo, que se celebrou na sede local da rúa Príncipe, onde recibíu os parabéns e a benvida por parte do presidente provincial, Luis López, e os demais integrantes do denominado “núcleo duro” da formación.
“É un orgullo formar parte do principal órgano de dirección do partido na provincia e ademais é fundamental para a nosa cidade porque o Vigo por vir temos que deseñalo e traballalo entre todos. A Vigo chegoulle o momento de deixar atrás políticas máis propias do pasado, polo que a prioridade absoluta e exclusiva pasa polo noso proxecto de futuro para a cidade máis importante de Galicia”, manifestou Luisa Sánchez tras o encontro.
Pola súa banda, Luis López explicou que a incorporación da tamén vicepresidenta da Deputación ao comité de dirección “obedece a dúas razóns rotundas, xa que como presidenta do PP de Vigo e como representante de Vigo ten que estar e tamén porque é indubidable a súa capacidade, valía, intelixencia, carisma e cercanía, polo que é imprescindible a súa presenza porque ten moito que achegar e para que Vigo sexa o mascarón de proa do noso proxecto para a provincia”.
Finalmente, no encontro abordáronse diversas cuestións orgánicas e estableceuse un calendario de traballo no que Vigo terá a máxima importancia e un carácter imprescindible, xa que é o lugar clave nas eleccións municipais de 2027 de cara a revalidar o goberno da Deputación de Pontevedra.