Luis López salienta o “fantástico momento” do PP na comarca do Salnés e augura que a unidade e fortaleza do partido “vai dar os seus froitos” nas eleccións municipais
Luns, 6 de abril de 2026.-
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, salientou hoxe o “fantástico momento” que está a vivir o partido en todos os concellos do Salnés e no conxunto da comarca e augurou que a unidade, fortaleza e cercanía da formación “vai dar os seus froitos” nas eleccións municipais de 2027.
“Levamos os case tres anos do mandato municipal traballando arreo nos nove municipios desta bisbarra, estando moi preto da xente e con proxectos e equipos moi apegados á rúa. De feito, os cidadáns recurren directamente á xente do PP para tratar de resolver os seus problemas ou para trasladarnos ás súas inquedanzas incluso onde non gobernamos. E eu sosteño que cando se escoita, se entende e se atende aos veciños conséguese unha confianza, facilmente palpable con só camiñar por calquera vila do Salnés, que vai dar moi bos resultados en maio de 2027”, sinalou o tamén presidente da Deputación.
O representante popular fixo esta análise de situación sobre o “moi bo estado” do partido na tradicional xuntanza do PP do Salnés co gallo da tradicional Romaría das Cabezas de Armenteira, no Concello de Meis, que contou tamén coa presenza da secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e de alcaldes, voceiros e concelleiros na bisbarra arousana.
Luis López lembrou que o punto de partida do PP, como consecuencia das anteriores eleccións municipais de 2023, é óptimo “para seguir medrando sen poñernos límites”, posto que os populares obtiveron 8.000 apoios máis que o PSOE, representan a máis veciños que a suma entre os socialistas e o BNG e son a forza máis votada en sete concellos”. “Tendo en conta como estamos nós e vendo que cada vez máis xente se achega ao PP nesta comarca e constatado o declive ou estancamento das formacións de esquerda, especialmente do PSOE, afrontamos este último ano con moita ilusión para ser merecedores de obter a confianza da maioría dos veciños en todos os concellos”, concluíu.