Luis López: “Sabela e o PP van chegar a un pacto de goberno coa inmensa maioría dos veciños de Cambados para acabar coa sopa de catro siglas. O cambio xa non ten volta atrás”
Cambados, 6 de xuño de 2025
“Sabela Fole e o PP van chegar un pacto de goberno, pero a diferenza do multipartito de esquerdas, vano facer coa inmensa maioría dos veciños de Cambados para acabar con esta sopa fría de catro siglas que só ofrece excusas en vez de solucións. Xa queda menos dun ano para que chegue o cambio, xa non ten volta atrás”. Deste xeito, o presidente provincial do PP, Luis López, alentou aos máis de 200 asistentes que participaron onte á noite na xuntanza anual do PP local.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra arroupou á voceira municipal e á militancia cambadesa e salientou a “importancia absoluta” de todos os membros do PP “para loitar por Cambados e por un futuro distinto e ilusionante”, aínda que admitiu que “non é fácil porque somos catro contra un, pero temos a vantaxe de que a gran maioría dos cambadeses xa non aguantan máis esta situación e están desexando abrir unha nova etapa”.
“Cambados ten que elixir entre un goberno unido, forte e traballador do PP ou reeditar esta nefasta mistura de catro partidos que só están de acordo en dúas cousas: repartirse soldos e postos e que non gobernemos nós, así que creo que a elección é bastante sinxela, porque ademais Sabela e o PP teñen propostas, teñen ideas, teñen solucións, teñen proxecto e teñen equipo para que Cambados deixe de resignarse”, salientou López.
Ademais do presidente provincial, os populares cambadeses tamén estiveron arroupados polos conselleiros Román Rodríguez e María Martínez Allegue, a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, e o novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
Pola súa banda, Sabela Fole, que aproveitou o acto para comezar co reparto da revista O Futuro de Cambados, chamou a unha mobilización masiva dos militantes, simpatizantes, colaboradores e dos propios veciños “para rematar con tres tristes e longos mandatos de desfeita, mala xestión política, perdas millonarias de axudas, chapuzas constantes, falta de proxectos ambiciosos, colapso nos servizos do Concello, números vermellos e nula atención aos veciños”.
A voceira municipal e presidenta do PP local agradeceu a masiva asistencia a esta xuntanza “como primeira palanca para arrancar o motor do cambio necesario” e salientou que malia “o enorme dano inflinxido polo multipartito, Cambados ten tanto potencial que se lle pode dar a volta a este deterioro e recuperar o orgullo da vila máis importante do Salnés”. “Teño moi claro cal vai ser o meu pacto, vai ser cos cambadeses”, concluíu recollendo o testemuño do presidente provincial.