Luis López pon ás oito agrupacións do PP no Baixo Miño e A Louriña como “únicas garantes e defensoras” dos intereses dos veciños e chama a acadar unha rotunda vitoria en 2027
Mércores, 25 de novembro de 2026.-
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, puxo ás oito agrupacións populares nas comarcas do Baixo Miño e A Louriña como “únicas garantes e defensoras” dos intereses dos máis de 96.000 habitantes desta contorna do sur da provincia e chama a traballar arreo para acadar unha rotunda vitoria en todos os concellos nas municipais do próximo ano 2027 “para que os veciños se sintan representados e atendidos polo único partido ao que só lle importa o seu benestar e calidade de vida”.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra destacou as políticas e o labor de todas as formacións nunha reunión de traballo comarcal celebrada na sede do PP de Tomiño e que acolleu aos alcaldes, voceiros e concelleiros populares do Porriño, Mos, Salceda de Caselas, Tui, A Guarda, O Rosal, Oia e do municipio anfitrión.
Luis López salientou que o PP “sempre aposta e aí están os feitos” polo sur da provincia con investimentos e servizos desde as administracións que goberna, como a Deputación e Xunta, e exemplificouno coa construción da autovía do Baixo Miño, os importantes investimentos sociosanitarios en Mos e industriais no Porriño, as axudas ás comunidades de augas e as accións de saneamento e abastecemento, os millonarios plans provinciais “e unha infinita relación de accións en todos os eidos orientadas exclusivamente á xente”.
Así mesmo, tamén puxo en valor o traballo que está a facer o partido, a través dos seis deputados e senadores, “para “reclamar con forza en Madrid os esquecementos e incumprimentos constantes que bordean o maltrato” do Goberno de España, co PSOE ao fronte, con estas dúas comarcas. Así, lamentou a situación do río Miño, os problemas ferroviarios, o mal estado das estradas nacionais e das autovías, o desleixo coa transferencia e gratuidade da autoestrada AP-9, os graves problemas na cobertura telefónica e de Internet, os recurtes en materia de seguridade cidadá coas dotacións da Garda Civil ou os continuados recurtes en fondos para a atención da dependencia.
“Estamos fronte a un partido que discrimina e castiga ás bisbarras do Baixo Miño e A Louriña, polo que a solución pasa, exclusivamente, por conseguir o resultado máis potente para o PP como único valedor dos veciños, posto que o BNG, aínda que o agoche, tamén forma parte do problema”, rematou o presidente provincial.